A parella afectada por un incendio en Friol recúperase entre as mostras de solidariedade dos veciños
A vivenda que ardeu na madrugada do luns no lugar de Cima de Vila, en Friol, segue a caer en anacos pouco a pouco. O tellado xa veu abaixo por completo, así como boa parte das paredes. Deste xeito, o matrimonio de octoxenarios donos do inmoble perdeu practicamente todas as súas pertenzas. Tamén está confirmado que un dos seus cans morreu por causa das lapas, pero os outros dous, que estaban no exterior, conseguiron salvarse.
Dentro da casa aínda quedan pequenos incendios, o que dá idea da cantidade de madeira que formaba a estrutura. Os veciños dos afectados seguen consternados co acontecido e dispostos a axudar o matrimonio en todo o posible. Tamén cren que, malia o acontecido, tiveron sorte de salvar a vida.
"É moi triste que lles pase algo así a uns veciños. Nós imos axudar no que poidamos, pero non é o mesmo que se tiveran familia. Foi unha gran tristeza".
Os octoxenarios están agora residindo temporalmente neste edificio do centro de Friol, onde o Concello puxo un piso á súa disposición. Aínda moi trastornados polo que pasou, rexeitaron falar ante as cámaras. A muller levou a peor parte, xa que ten moita dor nas costas logo de arrastrar o seu marido ata a terraza da vivenda. Ademais, ambos os dous teñen afectadas as vías respiratorias por causa do fume. Polo de agora non saben que van facer coa casa e din que o incendio acabou coas súas esperanzas de envellecer con tranquilidade.