CRTVG

Buscar

A pandemia supera os dous millóns de casos en todo o mundo, con máis de 128.000 mortos

Publicado o 15/04/2020 16:51
A pandemia supera os dous millóns de casos en todo o mundo, con máis de 128.000 mortos

A pandemia do novo coronavirus orixinada na cidade chinesa de Wuhan superou xa a barreira dos dous millóns de casos e deixa máis de 128.000 vítimas mortais en todo o mundo, segundo o último balance da Universidade Johns Hopkins, que realiza un seguimento a nivel global con datos das autoridades sanitarias de cada país e da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Segundo o balance actualizado ás 16.00 horas deste mércores, a pandemia deixa 2.000.984 persoas contaxiadas e 128.071 vítimas mortais, cos Estados Unidos como o país máis afectado, cun total de 609.696 positivos e máis de 26.000 falecidos.

O xigante norteamericano volve crecer por enriba dos 25.000 positivos nun só día, tras rexistrar nas últimas 24 horas 27.000 novos casos de coronavirus e contabiliza 26.059 vítimas mortais pola pandemia. O estado de Nova York mantense como o epicentro do coronavirus nos Estados Unidos, cun total de 203.377 persoas contaxiadas e 10.842 vítimas mortais. Ata a data, as autoridades estadounidenses realizaron 499.143 probas de coronavirus.

España segue como o segundo país do mundo máis afectado

España segue sendo o segundo país máis afectado por número de contaxios, con 177.633 persoas contaxiadas e 18.579 persoas falecidas, seguida por Italia. 

Os mortos en Italia con coronavirus alcanzaron hoxe os 21.645, con 578 nas últimas 24 horas, unha cifra inferior aos 602 de onte, nunha xornada na que seguen baixando lentamente os pacientes hospitalizados e os ingresados en coidados intensivos. Os casos totais de coronavirus son 165.155, cun aumento de 2.667 desde onte.

Alemaña sitúase agora en cuarta posición, cun total de 132.321 positivos e 3.502 mortos, por diante de Francia, que ten a 131.362 persoas contaxiadas e 17.167 falecidos. 

O Reino Unido queda como o sexto país máis afectado. Aproxímase xa aos 100.000 casos confirmados de coronavirus e 12.868 mortos. Os datos de falecidos que recompila o Goberno británico só teñen en conta os casos dos hospitais, polo que a cifra non estaría completa

A China, orixe da pandemia e durante meses o país máis afectado tanto en casos como en vítimas mortais, sitúase agora como o sétimo con máis positivos, cun total de 83.355 positivos e 3.346 vítimas mortais por coronavirus. A continuación atópase Irán, que contabiliza 76.389 contaxios e máis de 4.600 falecidos polo novo coronavirus, mentres que Turquía suma un total de 65.111 persoas contaxiadas e 1.403 mortos. Bélxica, pola súa banda, acumula 33.573 casos e 4.440 falecidos. Países Baixos, O Canadá, Suíza, O Brasil e Rusia sitúanse por enriba dos 20.000 casos. 

Noticias web

15/04/2020