A pandemia supera os 22,6 millóns de contaxios en todo o mundo
No mundo, a expansión do virus non remite. Xa se superan os 22 millóns e medio de contaxios. Europa rexistra un claro ascenso de infeccións e preocupan as cifras en Francia.
En Marrocos, o rei mesmo ameaza con volver ao confinamento ante a alza dos contaxios. Nun discurso á nación que habitualmente dá nestas datas, o rei Mohamed Sexto de Marrocos ameazaba cunha volta ao confinamento ante a degradación da situación sanitaria, que non invita ao optimismo.
E o certo é que as cifras globais seguen crecendo. Francia volve aos niveis de máis contaxios da pandemia, con 4.700 positivos nun só día e 12 novas mortes, e en Alemaña, por primeira vez dende abril, superáronse os 1.700 casos en 24 horas.
Pero seguen sendo América Latina e o Caribe as zonas que máis preocupan. Sanitariamente, supéranse xa as 250.000 mortes por covid-19, case a metade no Brasil, pero tamén economicamente.
Un senteito en Bos Aires non pode ser máis claro: ao que lle teñen medo é a pasar fame. O Banco Mundial advirte: a crise do coronavirus pode levar 100 millóns de persoas á pobreza extrema.
Nas zonas máis depauperadas da Arxentina e de México, entre outros países, xorden iniciativas locais para a distribución de comida e medicinas aos máis necesitados.
E no Perú, na capital están facendo intervencións focalizadas na poboación máis vulnerable. As noticias da economía aterran neste país. O seu PIB cae un 30 por cento, o peor rexistro da historia.