A pandemia reduciu un 21 % a detección de tumores
Un de cada cinco diagnósticos de cancro en España atrasouse debido á pandemia.
"Iso significa que hai persoas que poden estar desenvolvendo un cancro sen sabelo", di Manuel Aguilar, presidente da Xunta Provincial da AECC da Coruña.
Tamén se demoraron tratamentos, cirurxías oncolóxicas e cribados, fundamentais para salvar vidas.
Dolores Estrada, tesoureira da AECC da Coruña, explica que o paciente oncolóxico sofre dúas pandemias, a global e a silenciosa do cancro.
"Eu só vou dar un dato cuantitativo: 300 persoas en España -asegura- morren ao día de cancro".
Nos últimos anos a loita contra a enfermidade dotouse de novas ferramentas, como a inmunoterapia e as terapias dirixidas, pero dende o ámbito científico instan a Administración a destinar máis recursos á investigación.
María Mayán, investigadora do INIBIC, di que a investigación en cancro non pode parar, dado que é a única ferramenta para aumentar a superviviencia dos pacientes con cancro e combater o gasto sanitario desta pandemia, unha pandemia que, segundo di, "vai en aumento".
O máis común entre os homes é o de próstata, seguido dos de colon, recto e pulmón. Os tumores de mama son os máis frecuentes entre as mulleres.
En 2020 en España detectáronse máis de 280.000 novos casos de cancro, 19.400 deles en Galicia. Os expertos insisten na importancia, tamén en tempos de pandemia, de acudir ao médico ante calquera síntoma.