CRTVG

Buscar

A pandemia reaviva as tendas de ultramarinos no rural

Publicado o 12/09/2021 13:10

Nas máis das parroquias de Galicia hai, ou houbo, unha tenda de ultramarinos con servizo de cantina. Nelas pódese mercar dende un queixo ata un cortaunllas e a elas chegaron os primeiros teléfonos públicos das aldeas. Son espazos moi senlleiros aos que a pandemia lles volveu dar protagonismo. Achegámonos ata dúas delas no concello de Vilaba: unha restaurada e outra que permanece intacta dende hai décadas.

Casa Celia está na parroquia de Codesido, en Vilalba. Este establecemento ten máis de cen anos e a tele é a única diferenza entre como está hoxe e como estaba hai décadas. Daquela era Cas Colás, o nome do pai da dona, Celia, quen llo arrendou a Ángeles hai 14 anos. Aquí hai de todo, dende vasoiras de cana a cortaúnllas ou sementes para os grelos ou froita.

Ángeles está agradecida a todo e a todos: aos seus clientes, á dona do local e tamén á súa compañeira de traballo. Cóntanos que todos son pezas esenciais para que Casa Celia siga sendo un punto de encontro na parroquia, malia que cada día quedan menos establecementos deste tipo. Aínda hai pouco que lle quitaron o contador de pasos ao teléfono, ao que tantas veces viñan os veciños para chamar e recibir os recados.

Na casa Zapateiro tamén conservan o que foi o primeiro teléfono da parroquia. E a cabina tamén sobreviviu á profunda transformación que se fixo nesta tenda de ultramarinos hai tres anos, cando estes dous irmáns colleron a remuda dos seus pais. Foron os seus avós os que abriron a cantina no ano 61. Estamos na parroquia de Goiriz, tamén en Vilalba.

O mesmo ca en Casa Celia, en Casa Zapateiro os veciños xúntanse nesta tenda para tomar algo e socializar arredor das mesas orixinais do local.

Curiosamente a pandemia trouxo máis clientela a este tipo de negocios sinxelos, sen máis pretensións que a de dar un servizo aos veciños pero que fan tantísimo para que a vida no rural sexa un pouco mellor.

Noticias web

12/09/2021