A pandemia obriga a un 8-M diferente
O veto ás marchas na capital converteron este ano Barcelona no epicentro das reivindicacións feministas. Abriron lume as estudantes, en demanda dunha educación menos sexista.
Anna Clua, voceira Sindicat d'Estudiants dels Països Catalans, di que "un exemplo moi claro é filosofía de segundo de bacharelato, que a día de hoxe segue sen ter, en Cataluña, ningunha muller dentro das filósofas que se estudan".
En Bilbao, concentráronse diante da Oficina de Estranxeiría para chamar a atención sobre o dobre muro que illa as mulleres inmigrantes.
"A simboloxía do muro é como rompemos o muro que nos pon continuamente o patriarcado ás mulleres"
Máis simbolismos: en Pamplona tenderon diante do concello os trapos sucios do machismo, e nesta praza de Barcelona, os suxeitadores volveron ser emblema de liberación. En Sevilla, as mulleres rodearon o Parlamento andaluz para invitar as institucións a escoitar as súas reivindicacións. O sindicato CSIF chamou a atención sobre como a pandemia acentuou a precariedade laboral das mulleres.
Segundo Eva Fernández, secretaria de Igualdade de CSIF, "temos moitos máis contratos temporais, máis mulleres en paro, máis mulleres en ERTE".
Madrid non tiña permiso para marchas, pero este colectivo converteu unha conferencia de prensa nun improvisado paseo feminista. As discrepancias cun pequeno grupo de ultras chegaron ás mans. No distrito madrileño de Ciudad Lineal, un mural feminista amenceu cuberto de pintura. Os propios veciños imprimiron e pegaron unha réplica cos rostros desas 15 loitadoras pola igualdade.