CRTVG

Buscar

A pandemia non frea as reivindicacións feministas nas rúas de Galicia

Publicado o 08/03/2021 15:28

8 de marzo. Día Internacional da Muller. Este ano marcado pola pandemia. Non se van ver as manifestacións multitudinarias de anos anteriores. Pero si hai mobilizacións en cidades e vilas. En Galicia, hai 80 organizadas, con chamamentos a extremar as medidas de seguridade fronte á Covid.

As reivindicacións seguen sendo as mesmas, aínda máis acentuadas polos efectos da pandemia: rematar coas desigualdades laborais, coa violencia machista ou coa falta de conciliación. 

En Galicia, as principais manifestacións están convocadas para esta tarde, pero esta mañá tivemos xa un anticipo. UXT e CCOO convocaron concentracións diante das súas sedes. A CIG e a plataforma Galegas 8-M percorreron as rúas das principais cidades. 

Santiago de Compostela foi esta mañá o epicentro galego das marchas do Día da Muller. Centos de mulleres saíron á rúa a pesar da pandemia para reivindicar a igualdade. Escoitáronse cánticos en contra do machismo e a prol da igualdade salarial. 

En Ourense, a marcha convocada pola CIG percourreu as rúas máis céntricas da cidade. Tamén en Vigo se manifestaron baixo o lema deste ano, "Sen coidados non hai vida", reivindicaron a igualdade nun momento en que salientan que a pandemia supuxo un retroceso nos dereitos da muller. 

Un 8-M algo distinto polas reivindicacións sanitarias, con distanciamento e máscaras nas mobilizacións, pero igual de reivindicativo. Os sindicatos da UXT e Comisións Obreiras fixeron actos de recoñecemento e concentracións nas súas sedes das cidades galegas. Esta tarde o colectivo Galegas 8-M convoca mobilizacións en toda Galicia.

Ademais das manifestacións hoxe tamén é xornada de folga. O seguimento do paro na Administración galega está a ser, segundo a Xunta, dun 4,3 por cento. Na Sanidade é do 3 por cento e en Educación do 2,4. Os sindicatos non lle poñen cifra, falan dun seguimento desigual e  insisten en que vén marcado por uns servizos mínmos que consideran abusivos.

Todos os grupos políticos se pronuncian hoxe a prol dunha loita pola igualdade que debe darse no día a día e con medidas concretas. Pero socialistas e nacionalistas discrepan da oportunidade de saír a manifestarse en plena pandemia.

A Xunta difundiu unha declaración institucional neste oito de marzo. Recoñece o avance que se produciu nos últimos anos en materia de igualdade, pero recalca que aínda quedan obstáculos por superar que se evidenciaron durante a pandemia. Acabar coa discrimación laboral, a fenda nos salarios ou favorecer a conciliación son algúns dos obxectivos que marcan as políticas públicas.

 

 

Noticias web

08/03/2021