A pandemia marca un antes e un despois na limpeza de empresas
A pandemia marcou un antes e un despois nos servizos de limpeza das empresas. O sector tivo que intensificar e reorganizar o seu traballo para previr o virus nun contorno laboral seguro.
Estiveron en primeira liña desde o principio da pandemia e sen o seu esforzo non sería posible regresar presencialmente ás aulas, ás oficinas ou mesmo á redacción desta televisión.
José Gutiérrez, responsable de calidade dunha empresa de limpeza: "Moitas veces son invisibles nas empresas. Desgraciadamente, tivo que ser a pandemia a que puxese en valor o seu traballo".
Os novos protocolos de seguridade supuxeron importantes cambios na rutina destes profesionais. Aos traballos de limpeza, teñen que sumar unha nova e minuciosa tarefa: a da desinfección de todo o que tocan os traballadores.
Fernando Martínez, encargado da limpeza e desinfección da TVG: "Houbo que modificar horarios e rutinas de traballo, aquí hai traballadores desinfectando continuamente todas as zonas que se tocan".
Ventilar os estudios, limpar a redacción, desinfectar as superficies, a pandemia supón para eles un maior esforzo físico, pero, sobre todo, mental.
Fernando Martínez, encargado da limpeza e desinfección da TVG: "Desinfectar é un pouco estresante, porque a persoa que o fai seguido sempre ten a dúbida de se pasou por todos os sitios, chámante de aquí e de alá, estás sempre correndo e con tensión".
Novos horarios, novos produtos de desinfección e novos protocolos de actuación para un sector que demostrou ser máis imprescindible ca nunca.