CRTVG

Buscar

A pandemia marca os actos dun 8-M atípico sen manifestación en Madrid

Publicado o 08/03/2021 09:16

Este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, está marcado tamén pola pandemia. Os colectivos feministas teñen convocadas actos por toda España, aínda que non haberá ningunha manifestación en Madrid tras a prohibición xudicial por alto risco de contaxio. En Galicia hai 80 convocatorias nas catro provincias. 

Os actos do Día da Muller xa comezaban onte en Barcelona cunha marcha que culminou ás sete da tarde cunha manifestación convocada polo colectivo 'Se va a liar gorda'. Para hoxe hai convocada unha concentración estática no paseo de Gràcia dividida en oito tramos para gardar as distancias de seguridade.

Tamén en Valencia anticiparon onte os actos no marco do 8M. O Front Abolicionista organizaba o acto de protesta para esixir a abolición da prostitución, da pornografía e do que chaman "explotación reprodutiva". Na comunidade valenciana hai convocadas 50 concentracións.

Onde non haberá manifestación definitivamente será en Madrid, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza ratificase a prohibición acordada pola Delegación do Goberno.A sala entende que o dereito á manifestación e á reunión entra en conflito con valores constitucionais como a saúde pública. Cren os maxistrados que non se pode garantir que se manteña a distancia persoal nunha marcha á que calculaban que acudirían máis de 60.000 persoas. Negan que exista discriminación de xénero. Pero os colectivos feministas e sindicais convocantes non o ven así.

Paloma Vega, Secretaria de Organización de CCOO Madrid aseguraba: "Parécenos un símbolo de castigo, de castigo ao noso dereito lexítimo de reunión e de manifestación". E Rosario Carracedo, do Movemento Feminista de Madri, dixo que "a resolución do tribunal é inxusta, non axustada a dereito e limita arbitrariamente o dereito á reunión, que é un dereito fundamental".

Este luns á mañá, o Tribunal Constitucional comunicaba que admitía a trámite o recurso dos sindicatos UXT e CCOO contra esa decisión do TSXM, pero negaba a medida cautelarísima que podía permitir que eses actos se celebrasen.

Ante a prohibición, o movemento feminista organizou actos alternativos, estáticos, en balcóns e nas redes sociais.

A ministra de Igualdade Irene Montero aseguraba nas últimas horas que o feminismo está máis forte que nunca, pero que este ano non se medirá a súa fortaleza nas rúas por mor da pandemia.

En Galicia, a Delegación do Goberno autorizou máis de 80 actos nas catro provincias convocadas pola plataforma Galegas 8M. Baixo o lema "Sen coidados non hai vida", queren reivindicar os traballos invisibles, ou invisibilizados, que recaen sobre as mulleres e que a pandemia precarizou aínda máis. As marchas da Coruña e Ourense arrancarán ás cinco; ás seis están convocadas as de Santiago e Vigo; en Ferrol, haberá concentración ás sete da tarde, e a de Lugo sairá ás oito.

Noticias web

08/03/2021