A pandemia en América: O Brasil suma máis de 60.000 mortes

O Brasil rexistrou este mércores 1.038 novas mortes e 46.712 novos casos de coronavirus nas últimas 24 horas, e con iso xa superou as 60.000 vítimas e bordea os 1,5 millóns contaxios en pouco máis de catro meses, informou o Goberno.
Segundo o Ministerio de Saúde, O Brasil acumula ata este mércores 60.632 mortes por coronavirus e 1.448.753 casos confirmados da enfermidade desde que rexistrou o primeiro caso o 26 de febreiro.
O boletín indica que a taxa de mortes pola enfermidade no Brasil é de 29 por cada 100.000 habitantes e a de contaxios de 689 por cada 100.000 habitantes. Tales cifras e taxas confirman o Brasil como o segundo país máis afectado no mundo polo coronavirus despois dos Estados Unidos.
Segundo o Ministerio de Saúde, 826.866 pacientes con coronavirus xa se recuperaron e foron dados de alta en todo o país, o cal equivale ao 57,1 % do total de infectados, e outros 561.255 (38,7 %) continúan baixo observación médica. O boletín indica igualmente que outras 3.931 mortes sospeitosas están baixo investigación.
O número de mortes do mércores situouse por baixo das 1.280 do martes, mentres que o de casos aumentou con respecto aos 33.846 da véspera.
A cifra diaria de mortos está lonxe do récord de 1.473 rexistrado o 4 de xuño, pero a de contaxios é a terceira maior desde o comezo da pandemia, tras os 54.771 casos contabilizados o 19 de xuño e os 46.860 do 26 de xuño.
A pesar de que o número de casos no Brasil continúa crecendo, a curva de contaxios é diferente dependendo da rexión, e hai algunhas cidades e estados que xa pasaron polo pico e outros que aínda non se achegaron.
Unha gran parte dos gobernos rexionais e municipais iniciaron procesos de flexibilización das medidas de illamento social que rexen desde marzo.
A desescalada é incentivada polo propio presidente brasileiro, o líder ultradereitista Jair Bolsonaro, un dos gobernantes máis escépticos sobre a gravidade da pandemia, que defende a inmediata normalización de todas as actividades.
Os Estados Unidos superan os 128.000 mortos e 2,67 millóns de contaxios
Os Estados Unidos alcanzaron este mércores a cifra de 2.678.202 casos confirmados de COVID-19 e 128.028 falecidos, de acordo co reconto independente da Universidade Johns Hopkins.
Este balance ás 20:00 hora local (00:00 GMT do xoves) é de 48.830 contaxios máis que o martes e de 706 novas mortes.
A media de novos casos diarios nos Estados Unidos está desde a semana pasada por encima dos 40.000 arrastrada pola repunta nos estados do sur e do oeste como Florida, Texas, California e Arizona.
México chega a 28.510 decesos e a 231.770 contaxios
As mortes por COVID-19 en México chegaron este mércores a 28.510 e os casos acumulados suman 231.770 desde o inicio da pandemia a finais de febreiro, informaron as autoridades mexicanas de Saúde.
Nas últimas 24 horas, as autoridades rexistraron 5.681 novas infeccións e 741 falecementos, explicou nunha rolda de prensa o director de Epidemiología do Goberno de México, José Luis Alomía.
Con estas 741 mortes México superou a España (28.363) no número de falecidos por coronavirus, co que se coloca como o sexto país do mundo coa maior mortaldade durante a pandemia.
Os casos acumulados reflectiron un incremento diario do 2,5 % respecto a estatísticas do día anterior e os decesos tiveron un crecemento do 2,6 % nas últimas 24 horas.
Colombia pasa de 100.000 casos e achégase aos 3.500 mortos
Colombia superou este mércores os 100.000 casos de coronavirus e achégase aos 3.500 mortos, segundo o boletín diario do Ministerio de Saúde sobre a pandemia, que segue desbordada especialmente en Bogotá, o Atlántico e outros departamentos da rexión Caribe.
A autoridade sanitaria informou de que este mércores houbo no país un récord de 4.163 contaxios, o cal elevou a 102.009 a cifra nacional, con 54.941 casos que seguen activos, o equivalente ao 53,85 %.
No informe tamén aparecen 136 decesos, 49 deles en Barranquilla, capital do departamento do Atlántico, segundo foco da pandemia en Colombia, que sumou nas súas outras localidades 16 mortes máis.
Coas mortes deste mércores Colombia ten xa 3.470 falecidos, é dicir, o 3,40 % dos contaxiados.
O Perú deixa atrás a corentena nacional
O Perú reportou este mércores 100.372 casos activos e un total de 9.860 falecidos pola covid-19, no primeiro día da "nova normalidade" proposta polo Goberno tras a fin de 107 días de corentena nacional para afrontar a epidemia.
O Ministerio de Saúde sinalou que o total de casos desde que chegou a pandemia ao país o pasado 6 de marzo se elevou a 288.477, tras se detectaren outros 3.264 nas últimas horas.
Con todo, novamente os recuperados superaron os casos diarios, xa que foron 3.710 para sumar un total de 178.245 persoas que recibiron o alta nun centro médico ou cumpriron coa súa corentena domiciliaria.
Os falecidos eleváronse a 9.860, tras o deceso doutras 183 persoas, o cal estableceu unha taxa de mortalidade de 3,42 %.
Dese xeito, os casos aínda activos no país, que afronta un lento descenso da enfermidade nas rexións que foron máis impactadas, incluída Lima, foron 629 menos que no informe anterior e establecéronse en 100.372.
A Arxentina agrega 2.667 novos casos e os falecidos totalizan 1.351
As autoridades sanitarias arxentinas informaron este mércores de 2.667 novos casos de COVID-19 no país, que elevan a 67.197 os positivos rexistrados, mentres que 44 falecidos máis, unha das maiores cifras diarias, fixeron que os decesos pola enfermidade xa sexan 1.310.
Todo iso no día en que focos concretos do país e Área metropolitana de Bos Aires (AMBA), formada pola capital e polo populoso cordón urbano que a rodea, estrearon máis restricións á corentena obrigatoria que xa tiñan que cumprir, debido ao aumento de casos nas últimas semanas.