CRTVG

Buscar

A pandemia dispara a vacinación da gripe, un 55 % máis que hai un ano

Publicado o 26/11/2020 09:22

55 %

A pandemia dispara a vacinación da gripe, un 55 % máis que hai un ano

O medo á pandemia aumentou a demanda de vacinas contra a gripe en España un 55 por cento, cinco millóns de vacinacións máis que o ano pasado, cando o fixeron 9 millóns de persoas, segundo os datos que as comunidades autónomas trasladaron ao Ministerio de Sanidade.

Como explica a directora de Saúde Pública Pilar Aparicio, a anticipación de Sanidade para evitar a confección das dúas epidemias (covid−19 e gripe) fixo que en marzo, coincidindo co estado de alarma, España fose o primeiro país en iniciar os trámites para comprar cinco millóns de doses extraordinarias.

Aínda que en Sanidade non teñen datos da porcentaxe de vacinación da gripe por sectores, o propósito era chegar ao 75 por cento do persoal sanitario e maiores de 65 anos e ao 60 por cento en embarazadas e persoas con patoloxías de risco.

E segundo comunicaron as comunidades autónomas ao ministerio, este obxectivo cumpriuse, polo menos entre o persoal sanitario, onde houbo "moi boa recepción".

Catorce millóns de doses

Eses cinco millóns de doses extraordinarias, adquiridas polo Ministerio de Sanidade, súmanse aos nove millóns que as comunidades autónomas distribuíron nos seus centros de vacinación nunha campaña que este ano comezou a primeiros de outubro e que tivo o seu pico máximo na segunda semana de novembro.

A responsable de Saúde Pública explicou que o ministerio era consciente desde un principio de que, nun contexto de pandemia de covid−19, había que aumentar a cobertura da vacina da gripe ás poboacións en risco.

Esta poboación esta definida polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, que recomenda vacinarse a maiores de 65 anos, a aqueles que padezan patoloxías crónicas como diabetes, enfermidade renal ou asma, a embarazadas, a persoas que polo seu traballo ou condición familiar están en contacto con persoas vulnerables (sanitarios ou traballadores de residencia), a persoal de servizos públicos esenciais e a persoas que traballan con aves domesticas ou porcos en granxas.

Antes e en cantidade

Aparicio considerou que España foi "moi rápida" na provisión de doses extraordinarias para ter o maior volume de vacinas de gripe, que empezaron a distribuír primeiro nas residencias de maiores.

"Compramos doses de máis, todo o que nos ofreceron as compañías farmacéuticas, e distribuíuse todo", precisou a responsable de Saúde Pública para evidenciar a boa recepción que tivo a bolsa adicional achegada por Sanidade.

Aparicio puxo o acento na importancia de que este ano se vacinen os profesionais sanitarios, que tanto sufriron coa covid−19, e a resposta, ao parecer, segundo datos solicitados polas comunidades autónomas, foi moi boa.

A responsable de Saúde Pública explicou que a vacinación da gripe se adiantou este ano unhas semanas e iniciouse a primeiros de outubro para garantir a prevención ante un suposto adianto da enfermidade, a diferenza de 2019, cando se puxo en marcha entre a cuarta semana de outubro e a primeira de novembro.

Tamén admitiu que as medidas xerais de protección da covid−19 (máscara, lavado de mans e distancia social) influíron en reducir os riscos de contaxio.

A efectividade

A vacina da gripe é gratuíta e realízase cada ano, xa que a efectividade vai diminuíndo co tempo.

Aínda que a súa efectividade non é ao cento por cento, si prevén a gripe entre un 70 e un 90 en cento en persoas sas e novas.

As porcentaxes de efectividade sitúanse nunha pinza entre o 52 e o 70 por cento en adultos de 50 a 64 anos e é efectiva do 38 ao 46 por cento a partir dos 65 anos.

Con todo, Sanidade subliña que é importante ter en conta que, aínda que se poida adquirir a infección, a enfermidade será con moita probabilidade menos grave se houbo unha vacina anterior.

Na tempada 2019-2020 e segundo datos do ministerio, en maiores de 64 anos a vacina evitou o 26 por cento das hospitalizacións, o 40 por cento dos ingresos en UCI e o 37 por cento de falecementos.