A pandemia cambia o perfil dos que requiren axudas para atender as necesidades básicas
O impacto económico e laboral que está a deixar a covid−19 levou moitas familias á precariedade. Nos últimos doce meses aumentou o número de persoas que precisan axudas para facer fronte ás necesidades básicas e cambiou o perfil dos que demandan ese apoio. Moitos perderon o seu emprego pola pandemia e nunca antes tiveran que acudir a unha ONG ou a unha institución na procura de axuda.
Esta é outra das tantas imaxes que nos deixa a pandemia... O impacto laboral e económico levou a moitas familias á precariedade. Particulares, empresas, ONG e institucións están a facer un labor importante para axudar a paliar esas carencias. Os datos son reveladores: nos últimos doce meses Cáritas Diocesana de Santiago aumentou un 47 por cento as axudas para necesidades básicas, e en materia de educación, un 132 por cento.
Tamén axudan a pagar alugueiros e facturas. As necesidades son as mesmas pero a covid−19 cambiou o perfil dos colectivos que precisan de axudas. Cada vez acoden máis a solicitar apoio: familias monoparentais, principalmente mulleres, persoas procedentes da economía somerxida, coma empregadas do fogar, e traballadores de sectores moi afectados pola pandemia.
En Cáritas aseguran que as axudas públicas non son suficientes e temen que as grandes diferenzas sociais que se están a xerar deixen atrás moitas familias desfavorecidas e un futuro incerto para moitos menores.