CRTVG

Buscar

A pandemia afectou especialmente as mulleres

Publicado o 21/06/2020 19:11

O illamento, a perda do traballo, o medo ao contaxio, o falecemento de seres queridos... A pandemia deixou un profundo impacto na sociedade galega. A partir dun estudo que analizou as chamadas derivadas do 112, o grupo de intervención psicolóxica en emerxencias realizou un informe en que sinala os colectivos máis afectados.

Para Ana María Núñez, coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio de Psicólogos de Galicia, "o setenta por cento das chamadas fixéronas mulleres de corenta a setenta anos".

A ansiedade e a angustia foron algunhas das consecuencias que experimentou a poboación.

Os psicólgos apuntan a que esa ansiedade vivida seguirá ata que haxa un remedio para o virus.

"Este malestar psicolóxico -comenta a especialista- vai perdurar, porque aínda non temos a nosa normalidade. Temos que andar con máscaras, temos que gardar as distancias. Seguimos en alerta. E logo, todas as consecuencias económicas. Hai certos sectores que aínda non puideron recuperar a súa actividade, e esas persoas tamén o están pasando mal".

Para superar os trastornos vividos durante estes meses recomendan coidar dun mesmo: boa alimentacion, respectar os horarios de sono, relacionarse con outras persoas e non saturarse de informacións negativas. E se aínda así os medos non desaparecen, pedir a orientación profesional dun psicólogo.

Noticias web

21/06/2020