CRTVG

Buscar

A pandemia acelera a transformación dixital das empresas galegas

Publicado o 14/10/2020 15:28

Se de algo serviu a pandemia foi para acelerar a transformación dixital das empresas. Pero quedan aínda moitos retos por diante, e deles estase a falar nunha nova edición do foro GaliciaTIC.

Se quedaban empresas reticentes á transformación dixital, a pandemia deulles o empurrón que lles faltaba. En 6 meses avanzaron neste campo o que se agardaba para os vindeiros 5 anos.

Miguel Merino, director de GaliciaTIC: "Coa covid-19 tivemos que recorrer ao teletraballo, ao comercio electrónico, acelerar moito as cousas. Pero como non estabamos preparados aínda queda moito por facer".

O traballo do futuro pasou a ser o traballo do presente e as empresas tecnolóxicas galegas teñen todo tipo de solucións para que ninguén quede atrás. Ferramentas que permiten, por exemplo, que a maioría dos participantes deste foro non estean na sala.

Luís Rey, director de operacións da Asociación de Empresas de Tecnoloxía INEO: "As ferramentas estaban xa antes, pero faltaba cambiar o chip de moitos empresarios para dar o salto. Agora están a ver que funcionan e que non son tan caras como pode parecer, de feito algunhas son gratuítas".

A inminente chegada do 5G fará dese salto toda unha revolución e as empresas teñen que estar preparadas. Cómpre cambiar os modelos de negocio e mellorar a cultura tecnolóxica para coller un tren que xa saíu da estación.

Noticias web

14/10/2020