A Palma rexistra o tremor máis grande dende que comezou a erupción
O presidente do Goberno visita a illa e anuncia que pedirá máis axudas a Europa
A lava cubriu este xoves moitas zonas da Laguna evacuadas só unhas horas antes. Ás tres e media da tarde, hora local, rexistrábase en Fuencaliente un tremor de 4,4 graos. É o máis forte dende que comezou a erupción. E para os científicos é un sinal de que o volcán vai estar activo durante moito tempo.
Ata o momento, as coadas soterraron case 1.500 edificios e cubriron máis de 650 hectáreas de terreo.
O presidente do Goberno visitou de novo a Palma para reunirse cos membros do Pevolca e con representantes dos afectados pola traxedia. Pedro Sánchez lembrou que a prioridade é salvar vidas e realoxar as persoas que perderon a casa: "Atender o máis urxente, que é o poder realoxar as persoas que o perderon todo ou que están en risco de perder a súa vivenda, ademais das súas necesidades materiais e nunha terceira fase abordar a tarefa de reconstrución que temos por diante".
Para esa reconstrución o Goberno destinará máis de 200 millóns de euros. Ademais, investirá 60 millóns nun plan de emprego, 10 millóns na compra de vivendas e tamén pedirá axudas a Europa. Pero Sánchez pediu paciencia aos palmeiros porque a maior parte dos investimentos non poderán facerse ata que pare a erupción.
O aeroporto da Palma opera con relativa tranquilidade. As autoridades locais insisten en que a illa é un lugar seguro e lembran que a erupción só afecta un 8 % da súa superficie.