A Palma rexistra corenta terremotos e a cinza afecta ao tráfico aéreo de Canarias
Os expertos temen que a lava chegue a Puerto Naos
O volcán da Palma entrou este venres nunha fase máis explosiva. Segue botando moita lava ao mar. E só nesta xornada, o Instituto Xeográfico Nacional rexistrou 40 terremotos na illa. Os científicos din que todo isto é normal neste tipo de erupcións.
Desde pola mañá, as aerolíneas renunciaron a operar en Tenerife Norte pola presenza de cinza, a pesar de que AENA mantiña a operatividade das pistas, e desviaron os seus voos a Tenerife Sur ou directamente atrasaron as ligazóns á espera dalgunha melloría. Esa melloría produciuse á primeira hora da tarde, cando a compañía aérea Binter retomou os seus voos interinsulares en Tenerife Norte e reforzou as conexións ante a acumulación de pasaxeiros na terminal.
Con todo, desde Santa Cruz de la Palma o comité do Plan de emerxencia volcánica de Canarias (Pevolca) advertiu de que as cinzas poderían estenderse pola tarde ao aeroporto de Tenerife Sur e pola noite ao da Gomera, antes da melloría no réxime de ventos que se espera para mañá.
En terra, os expertos continúan pendentes da evolución das coadas. O novo río de lava que se separou da coada principal soterrou xa 24 hectáreas de plataneiras, pero o que máis preocupa é que poida expandirse e afectar a Puerto Naos.
Ninguén sabe cando vai parar a erupción. O que din os expertos é que, polo de agora, non é previsible que se forme outra boca volcánica. E pídenlles aos palmeiros que estean tranquilos, pero que teñan cousas preparadas por se houbese que evacuar zonas novas.