CRTVG

Buscar

Os organizadores da MWC alegan "forza maior" para cancelar o evento

Publicado o 13/02/2020 11:27

O conselleiro delegado da GSMA, John Hoffman, sostivo este xoves que traballan para a próxima edición do Mobile World Congress (MWC) en 2021, despois de decidir cancelar a deste ano polo andazo internacional de coronavirus e as anulacións de empresas: "Anhelamos poder acoller todos os nosos socios de todo o mundo aquí, en Barcelona, en 2021".   

Díxoo nunha conferencia de prensa, este mércores, en que participaron os conselleiros Jordi Puigneró e Alba Vergès; a alcaldesa de Barcelona Ada Colau; a alcaldesa de L'Hospitalet de Llobregat (Barcelona) Núria Marín, e a delegada do Goberno en Cataluña Teresa Cunillera.   

A comparecencia tamén contou coa presenza do presidente de Fira de Barcelona Pau Relat, o director xeral da institución feiral Constantí Serrallonga e o director xeral da GSMA Mats Granryd.

O Mobile cre que a anulación por forza maior o exime de indemnizacións

A asociación organizadora do Mobile World Congress (MWC) asegurou este xoves que a cancelación da edición de 2020 se debe a unha situación de "forza maior" debido á epidemia de coronavirus, o cal, ao seu xuízo, a exonera de responsabilidades económicas.

O conselleiro delegado e o director xeral de GSMA, John Hoffman e Mats Granryd respectivamente, tras afirmar que non tiñan outra opción que cancelar o evento, sinalaron que os contratos de GSMA cos seus clientes inclúen cláusulas de forza maior e mostráronse convencidos de que estas son aplicables ao ocorrido estes días.

"É unha situación de forza maior. Non imos facer conxecturas, veremos o que especifican os contratos. Analizaranse os termos de cada un. Tomamos esta decisión por unha epidemia", afirmou  Hoffamn.

En resposta a preguntas dos xornalistas, restaron relevancia ao feito de que non exista unha declaración de emerxencia sanitaria que afecte a España e a Barcelona e de que tanto o Goberno español como a Generalitat e o Concello de Barcelona insistisen unha e outra vez en que non existía ningunha razón sanitaria para suspender o evento.

O director xeral de GSMA, que participou por primeira vez nunha conferencia de prensa en Barcelona, alegou que teñen "moitas declaracións de centros de prevención europeos de control de enfermidades que din que é importante limitar ou reducir as reunións con tantos participantes".

"Non se trata de nada en contra de Barcelona ou España. Trátase da explosión dunha enfermidade. A xente está a falecer globalmente. Iamos ter milleiros de persoas reunidas en Barcelona e é o risco que queriamos evitar", apuntou, tras lembrar que o Mobile é o evento feiral que atrae máis participantes (máis de 100.000 estaban previstos para 2020).

Respecto ao custo que terá para GSMA a cancelación, os directivos aseguraron que aínda non se analizou, subliñaron que GSMA é unha asociación sen ánimo de lucro e que se cancelou o evento por mor dunha "decisión non financeira", senón "de benestar e saúde".

Fontes do sector apuntaron que, a partir desta semana, empezará un proceso que pode ser moi longo de estudo de cada un dos contratos vinculados co Mobile e que podería chegar a enfrontar a mesma organización GSMA cos socios que viron como se cancelaba o evento sen que eles o desexasen.

Dáse por feito que as firmas tecnolóxicas que optaron por non vir a Barcelona cando aínda se mantiña o evento asumirán as responsabilidades económicas que se xeraron. 

A patronal catalá lamenta os 15.000 empregos perdidos

O presidente da patronal catalá Foment del Treball, Josep Sánchez Llibre, lamentou os 15.000 empregos perdidos por mor da cancelación do Mobile World Congress de Barcelona por parte da organización, GSMA, coa que xa negocian as edicións de 2022 e 2023 para compensar perdas.

Sánchez Llibre afirmou este xoves, en declaracións aos xornalistas en Madrid, que os empresarios cataláns están á beira da decisión exposta pola GSMA, xa que cando o evento perdeu tantos clientes non tiña "viabilidade".

Estimou que as perdas para a economía serán de 500 millóns de euros, co consecuente efecto para os empresarios.

Sánchez Llibre afirmou que haberá que pasar páxina e mirar ás oportunidades do futuro.
Ademais da celebración do evento en 2021, queren asegurar un contrato para os seguintes anos, engadiu.

"Non estamos preparados para unhas perdas tan importantes, pero si estamos preparados para continuar coa loita", afirmou Llibre, que se declarou optimista co futuro.

A organización cifrara que o Mobile tería un impacto na economía de 492 millóns de euros grazas aos seus 110.000 visitantes e a xeración duns 14.100 empregos.

A restauración perderá 40 millóns de facturación por anular o Mobile

O sector da restauración de Barcelona perderá uns 40 millóns de euros de ingresos pola cancelación do Mobile World Congress (MWC), segundo o Gremio de Restauración de Barcelona, que considera que a cidade "está a pagar os pratos rotos dunha crise sanitaria internacional".

En declaracións a Efe, o director do Gremio de Restauración, Roger Pallarols, cualificou de "malísima noticia" a cancelación do Mobile polos case 500 millóns de euros que se prevía que os congresistas deixasen na cidade, 40 deles en restauración, e dixo que estes danos non se poden "compensar".

Ademais, Pallarols considera que a cancelación do evento terá un "efecto prexudicial" no sector do turismo de negocios porque é unha plataforma de promoción de Barcelona no "competitivo mercado" de congresos e reunións profesionais.

"O dano é moi elevado e as consecuencias moi lamentables para unha cidade que non ten ningunha culpa", dixo Pallarols, que considera "inxusta" esta situación tendo en conta que nin en Barcelona, nin en Cataluña nin en España hai crise sanitaria ningunha.

Pallarols explicou que proximamente haberá unha negociación coas empresas que reservaran establecementos na cidade, en ocasións cun ano de antelación, durante os días do congreso, que tiña previsto empezar o próximo 24 de febreiro.

Aínda que nalgúns casos será o cliente o que perda a reserva, en moitos outros cumprirá un "entendemento entre o cliente e o establecemento" para atopar unha situación que prexudique o mínimo posible a ambas as partes", dixo o restaurador.

A pesar de que cre que a organización do Mobile e as institucións tentaron preservar a cita, ao final "contaxiouse unha histeria que non está xustificada pola situación de normalidade do destino".