As eleccións en Galicia, aínda sen data
• O presidente da Xunta propón o mes de xullo co aval dos informes sanitarios e xurídicos | PSdeG, En Común e BNG veno temerario; En Marea e Cs aceptan
• As datas máis probables son o 12 ou o 19 de xullo
• En Euskadi dan por feito que as súas elección serán en xullo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniu este xoves os grupos para trasladarlles que é necesario convocar as eleccións autonómicas o máis axiña posible e que o principio do verán sería o "momento máis seguro" para votar.
A reunión, de dúas horas e media, celebrouse de maneira presencial un día despois de que o máximo mandatario autonómico remitira aos partidos catro informes de expertos sanitarios e outro xurídico que xustifican a idoneidade de tal convocatoria en xullo.
No encontro tomaron parte Pedro Puy, polo PPdeG; así como o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; e o portavoz de Galicia en Común-Anova-Mareas, Antón Gómez-Reino. A través de videoconferencia participaron os representantes de En Marea (Francisco Casal) e Ciudadanos (Beatriz Pino).
Núñez Feijóo, informa un comunicado, tomará unha decisión sobre a data tendo en conta que escoitou a todas as formacións e leu as mencionadas análises sobre a previsible evolución da pandemia. A crise sanitaria obrigou a suspender, co compromiso de volver activalos no prazo máis breve posible, os comicios galegos, previstos, como en Euskadi, para o pasado 5 de abril.
Núñez Feijóo indicou que tratará de tomar a decisión "máis responsable" e remarcou que as prioridades son a loita contra o virus, así como a reactivación social, laboral e económica das familias e empresas galegas.
Ademais do PPdeG, En Marea e máis Ciudadanos apoian a decision do presidente da Xunta de convocar eleccións en xullo.
En Marea aposta polo 19 de xullo porque permitirá celebrar a campaña electoral cando xa estivese finalizada a desescalada.
Desde Ciudadanos argumentan que xullo non é a data ideal pero argumentan que os estudos prognostican para setembro ou outubro un rebrote.
O PPdeG apoia a proposta do presidente da Xunta que segue, din, as recomendacións do expertos sanitarios e xurídicos e ven moi arriscado deixalas para setembro.
En contra da convocatoria para xullo está o BNG. Ana Pontón di que é unha irresponsabilidade convocar as eleccións en plena pandemia e en estado de alarma e agarda que a decisión de votar en xullo non se teña que lamentar no futuro.
O líder do socialistas galegos tampouco é partidario da elección en xullo. Gonzalo Caballero critícalle ao presidente que priorice os intereses electorais e lamentan que abandone o consenso.
Galicia en Común é a terceira das formacións que non apoia a convocatoria electoral en xullo. Gómez Reino di que o presidente da Xunta non pode asegurar que as eleccións se celebrarán con todas as garantías sanitarias e democráticas.