CRTVG

Buscar

A oposición celebra o adianto, pero critica que sexa Urkullu quen marque o calendario

Publicado o 10/02/2020 21:07


A convocatoria electoral en Galicia para o próximo 5 de abril colleu sen candidato o denominado espazo rupturista, a Ciudadanos e a Vox. O PSdeG, con Gonzalo Caballero chamado a liderar unha suposta alternativa no caso de que o PPdeG non consiga a maioría absoluta nin teña con quen pactar, hai tempo que resolveu esta cuestión, e tivo críticas pola súa rapidez para postularse. No BNG, outra das forzas que se considera que sería necesaria para lograr unha coalición alternativa ao PPdeG, tamén pecharon xa este aspecto, con Ana Pontón como candidata, do mesmo xeito que en 2016.

É no denominado espazo rupturista onde máis dúbidas hai, xa que as formacións que en 2016 conseguiron ser segunda forza no Parlamento, con 14 deputados, baixo o paraugas de En Marea, áchanse nun debate de como concorrer aos comicios autonómicos. Nese panorama, En Marea, que utiliza a marca e agrupa algunhas das denominadas mareas municipalistas, quedou relegada a un papel menor tras os comicios xerais de abril, con apenas un 1 %. No Parlamento rompeuse o grupo parlamentario, de modo que hai 9 deputados por unha banda e 5 por outra.

En Marea

O líder de En Marea, Luís Villares, celebra que a cidadanía vaia "ter a palabra" nas eleccións o próximo 5 de abril.  Sobre o seu futuro persoal,, Villares indicou que "en breve" o seu partido tomará unha decisión, incluída a súa. Tamén sinalou que a "lexislatura termina igual que se produciu, cun Feijóo deixando que os demais lle marquen o paso". "Foi o Partido Nacionalista Vasco o que lle dixo cando tiñan que ser as eleccións", apuntou.  

Podemos e Esquerda Unida, do mesmo xeito que no conxunto do Estado, pretenden ir unidos e negocian, de momento, con forzas como Anova e tamén con integrantes doutras mareas municipalistas; as máis fortes, as que nas locais de 2015 chegaron ao poder na Coruña, Santiago e Ferrol, aínda que en 2019 foron substituídas por gobernos en minoría do PSdeG.

Anova

Anova Irmandade Nacinoalista confirmou que estará presente nas eleccións autonómicas do próximo 5 de abril sendo "leal ao legado destes anos, onde traballou desde a xenerosidade para construír unha alternativa de ruptura coas políticas lesivas do Partido Popular".   Nun comunicado difundido minutos despois de que o presidente galego Alberto Núñez Feijóo anunciase a convocatoria de eleccións para o 5 de abril, a formación nacionalista que encabeza o deputado de Común da Esquerda Antón Sánchez apunta que traballará "con xenerosidade e altura de miras para sumar" como, din, fan desde a súa fundación en 2012. 


A portavoz do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, asegurou que "o berro das rúas" obriga ao titular da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a convocar, e criticou que sexa o presidente vasco, Íñigo Urkullu, quen marque o calendario en Galicia. Luca Chao considerou que o adianto electoral se debe á "presión exercida nas rúas", que "obrigou" a Feijóo a rectificar as súas políticas en varias ocasións nas últimas semanas. "A reapertura do paridoiro de Verín foi a primeira rectificación de Feijóo, a primeira gran vitoria da cidadanía. Onte tiña que producirse a segunda e efectivamente, así ocorreu", manifestou Luca Chao en referencia á manifestación en defensa da sanidade pública celebrada en Santiago.

PSdeG

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, apuntou esta tarde que a formación que lidera representará “o cambio necesario” fronte ao proxecto "agónico de Núñez Feijóo, que só dá problemas”. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou que o adianto das eleccións galegas ao 5 de abril evidencia que o País Vasco "marca" a axenda do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e subliñou que os socialistas están "preparados" para dar a Galicia "o cambio de goberno que necesita". 

BNG

A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, manifestouse igualmente a través das redes sociais para remarcar que o adianto electoral impediralle estar de permiso de maternidade -tras dar a luz o pasado 21 de xaneiro- “tanto tempo como previra”. “O 5 de abril temos a oportunidade de abrir un tempo novo en Galicia; no BNG temos un proxecto de país serio, solvente, moderno e pensado para poñer en valor o enorme potencial que temos”, apuntou Pontón, quen traballará “con máis ilusión se cabe” para que a súa filla “e os nenos e nenas deste país” vivan “nunha Galicia mellor”.

Ciudadanos e Vox

Ciudadanos, sen representación autonómica nin deputados galegos no Congreso, e apenas dúas ducias de concelleiras en toda Galicia, tampouco ten candidato á espera de saber se poden concorrer baixo o paraugas da canidatura de Núñez Feijóo. Tampouco conta cun aspirante Vox, cuxa situación é aínda peor que a de Cs, ao non ter ningunha representación.

 

Noticias web

10/02/2020