CRTVG

Buscar

A oposición acusa o réxime venezolano da morte do capitán Rafael Acosto

Publicado o 30/06/2019 18:09

En Venezuela, a morte do capitán de corveta Rafael Acosta Arévalo agravou aínda máis o enfrontamento entre o goberno de Nicolás Maduro e a oposición ao chavismo. O líder opositor Juan Guaidó dá por feito que o falecemento se produciu despois de someter o militar a gravísimas torturas, e Maduro ordenoulle ao fiscal xeral da República unha investigación.

A familia de Rafael Acosta Arévalo e a oposición cualifican a súa detención pola Contraintelixencia Militar, o 21 deste mes, como un secuestro do capitán de corveta. Ao acudir á disposición do xuíz sete días despois, era ben visible o que a avogada Tamara Suju describía así: "Ía en cadeira de rodas, presentando graves signos de torturas. Non falaba, só pedía auxilio". Tamén resultaba nidio para o presidente encargado, Juan Guaidó, que falou do caso ao regreso dun oficio relixioso na catedral da Guaira. Dixo Guaidó: "O día de hoxe confirmouse lamentablemente o asasinato, logo de ser torturado salvaxe e brutalmente. Non é a primeira vez que en Venezuela denunciamos este tipo de feitos".

A resposta do goberno chegou cunha nota oficial na que se comunica que o presidente Maduro ordenou "ao fiscal xeral unha completa e exhaustiva investigación para esclarecer este lamentable suceso". A propia fiscalía, tamén por escrito, "garantiu "unha investigación obxectiva, independente e imparcial en pleno respecto ao Estado de Dereito vixente en Venezuela". Para a verificación neutral disto, o bando opositor insta a intervención da alta comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, á que a situación de Venezuela xa lle dera traballo este mesmo mes.

Noticias web

30/06/2019