CRTVG

Buscar

A ONU conclúe que a inhabilitación do xuíz Garzón foi arbitraria

Publicado o 27/08/2021 09:51
A ONU conclúe que a inhabilitación do xuíz Garzón foi arbitraria

O exxuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón pedirá o seu reingreso na carreira xudicial despois de coñecerse que o Comité de Dereitos Humanos das Nacións Unidas (ONU) lle deu a razón, ao concluír que o Tribunal Supremo (TS) vulnerou o seu dereito á presunción de inocencia e o seu dereito á revisión da condena e a pena cando en 2012 o condenou a 11 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación por ordenar a intervención dos teléfonos dos avogados dos principais acusados no caso Gürtel.

"Vou pedir o meu reingreso na carreira xudicial", sinalou Garzón nunha entrevista concedida este mesmo xoves a El País, recollida por Europa Press.

No ditame, ao que tivo acceso Europa Press, o comité considera que Garzón non tivo "acceso a un tribunal independente e imparcial nos procesos seguidos na súa contra no marco dos casos Franquismo -polo que foi absolto- e Gürtel", polo que acordou que España compense o exmaxistrado polo dano causado.

"Para min, o máis importante é que pide que se tomen medidas para que no futuro non ocorra nada semellante. É un ditame de protección a xuíces e fiscais para o futuro. A reparación integral sería a miña reposición como maxistrado", di Garzón, para logo engadir que o que toca agora é "branco e en botella" porque "se che quitaron a túa profesión, que cha devolvan".

No ditame, o comité reprochou a actuación do Supremo e o feito de que os procedementos Franquismo e Gürtel fosen tramitados simultaneamente, con xuízos celebrados con cinco días de diferenza e con xuíces que participaron en ambas as causas, a pesar da solicitude do exmaxistrado de que fosen recusados. Este organismo da ONU concluíu que as decisións do exmaxistrado no caso Franquismo -que investigaba desaparicións forzadas durante a Guerra Civil e a ditadura de Francisco Franco- constituían unha "interpretación xurídica plausible" en que non se desprende "unha mala conduta ou incompetencia que puidese xustificar a súa incapacidade para o desempeño das súas funcións".

Con respecto ao caso Gürtel, asegurou que a interpretación de Garzón "non constituíu unha conduta ou incompetencia grave que puidese xustificar a súa condena penal", que o levou a perder definitivamente o seu cargo como titular do Xulgado Central de Instrución Número 5 da Audiencia Nacional. Así, o Comité subliñou que a condena do Supremo no caso Gürtel foi "arbitraria e imprevisible, ao non estar baseada en provisións suficientemente explícitas, claras e precisas que definan con exactitude a conduta prohibida" pola lei. Ademais, reprochou o feito de que o exxuíz non tivese acceso a unha segunda instancia á que apelar, ao ser xulgado pola máxima instancia xudicial española. 

Noticias web

27/08/2021