CRTVG

Buscar

A OMS rexistra case 30.000 mortos en España pola covid-19, 2.730 máis que Sanidade

Publicado o 04/06/2020 16:31

A Organización Mundial da Saúde (OMS) contabilizou hoxe que 29.858 persoas morreron en España como consecuencia da COVID-19, 2.730 máis que as cifras oficiais achegadas polo Ministerio de Sanidade (27.128 segundo as estatísticas máis recentes do mércores).

En canto ao número de casos, o Ministerio de Sanidade informa de 240.326 contaxios, fronte aos 240.304 que contabiliza a OMS nas súas estatísticas, que tamén se renovan diariamente. Outra fonte habitual de estatísticas sobre COVID-19, a Universidade Johns Hopkins estadounidense, coincide co Ministerio de Sanidade español no número de vítimas mortais (27.128) e tamén sitúa as infeccións por riba das 240.000.

O Ministerio de Sanidade aclarou que non reporta datos diarios á Organización Mundial da Saúde. A través dun comunicado, o Ministerio sinala que a OMS, tal e como indica nas súas actualizacións, extrae información de diferentes fontes. No caso dos países da Unión Europea, do Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC), entre outras.