CRTVG

Buscar

A OMS prepárase para unha "potencial pandemia" tras os brotes de coronavirus en Italia, Irán e Corea do Sur

Publicado o 24/02/2020 20:37

A do coronavirus non é unha pandemia, pero a Organización Mundial da Saúde chama a prepararse para ese escenario, despois dos andazos en Corea do Sur, Irán e Italia, onde xa son sete os falecidos. Con todo, os especialistas chaman á calma e non recomendan o peche de fronteiras. En España, Sanidade convocou este martes as Comunidades autónomas para reforzar as medidas de prevención.

Polo momento, a Comisión Europea non recomenda pechar fronteiras interiores e pídelles aos estados membros que non o fagan de xeito unilateral. Queren que todas as medidas deste tipo sexan coordinadas entre todos os países e que sempre se fagan tendo en conta as recomendacións dos expertos. Din que calquera paso debe ser proporcionado e axustado á evolución do coronavirus para evitar que cunda o pánico. Este martes, unha delegación conxunta da Unión Europea e da Organización Mundial da Saúde visitarán as zonas afectadas de Italia para avaliar a situación e os pasos a seguir.

Italia confirma sete mortos por coronavirus e máis de douscentos contaxiados

Con cada boletín que emite o xefe de Protección Civil aumentan os casos de contaxio no norte de Italia. Xa hai máis de 200 pacientes infectados e 7 falecidos. Tres durante a mañá do luns. Todos son anciáns con patoloxías previas.

Once localidades, case 50.000 persoas, están en corentena. Non se pode entrar nin saír. Todos os espectáculos culturais e deportivos foron suspendidos.  Será a primeira vez que non se celebre o Carnaval de Venecia desde o seu nacemento, hai mil anos. Non haberá clases. En principio, ata o dia 29.       

En España, Sanidade convoca as comunidades autónomas para reforzar as medidas

O Ministerio de Sanidade convocou para este martes, de maneira urxente, as comunidades autónomas para reforzar as medidas fronte ao coronavirus que, de momento, son preventivas. 

Un médico italiano que se atopaba de vacacións en Tenerife, deu positivo en coronavirus despois de acudir a unha clínica, segundo confirmaron fontes do Goberno Canario. Polo de agora atópase en illamento, na Clínica Quirón sur de Adeje.

Nos hospitais de Salamanca, Málaga, Asturias, Ávila e Murcia activouse o protocolo ante a aparición de pacientes con síntomas gripais que estiveron recentemente no norte de Italia.

A situación en Irán e Corea do Sur

Canda Italia, Irán é o novo foco de preocupación. As autoridades recoñecen 12 falecidos. A oposición fala de 50. Os países veciños pecharon as fronteiras por medo ao contaxio polo que Irán quedou, desde este luns, illado.

Mentres  Wuhan continúa reducindo o numero de infectados, en Corea do Sur multiplícanse. Xa é o país con maior número de casos fóra da China.

Ante esta situación, a OMS insiste en enviar mensaxes de tranquilidade pero non oculta a súa preocupación.

Noticias web

24/02/2020