CRTVG

Buscar

A OMS pídelle a Europa que siga vacinando con AstraZeneca para “salvar vidas”

Publicado o 18/03/2021 14:44
A OMS pídelle a Europa que siga vacinando con AstraZeneca para “salvar vidas”

O director rexional para Europa da Organización Mundial da Saúde (OMS) insistiu este xoves na necesidade de que o vello continente siga inmunizando coa vacina de AstraZeneca para "salvar vidas".

Hans Kluge fixo este chamamento nunha conferencia de prensa convocada tras a decisión de varios países da UE, entre eles España, de suspender temporalmente a súa administración.

O representante da OMS lembrou que aínda non se demostrou a relación dos casos de tromboembolismo notificados coa inoculación da vacina de AstraZeneca. Segundo dixo, esta doenza é a terceira enfermidade cardiovascular máis común no mundo.

“Nestes momentos, os beneficios da vacina superan con moito os riscos, polo que a súa administración debe continuar para poder salvar vidas”, reclamou.

Medran os contaxios en Europa

Kluge asegurou que os contaxios están a medrar en Europa por terceira semana consecutiva. A pandemia, confirmou, estase a desprazar cara ao leste, coa zona central, os Balcáns e os países bálticos como lugares máis afectados.

A rexión europea rexistrou a pasada semana máis de 1,2 millóns de novos casos e o número de mortes supera xa as 900.000.