A OMS pide 675 millóns de dólares para loitar contra o coronavirus e evitar o pánico
A Organización Mundial da Saúde (OMS) exhortou hoxe a evitar que o pánico ao coronavirus se estenda e pediu 675 millóns de dólares para financiar o seu plan de loita, que inclúe axudar os países menos preparados para afrontar o virus se este chega aos seus territorios.
"Non é o momento de propagar o medo ou o pánico, é momento de mirar cara adiante e actuar", declarou o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, nunha comparecencia ante a prensa.
Lembrou que o 99% de casos están confinados na China e, destes, máis do 80% rexistráronse na provincia de Hubei, o epicentro da epidemia. Con todo, Tedros ofreceu un dato inquietante: nas últimas vinte e catro horas contabilizouse o maior número de casos nun só día desde que empezou o brote de coronavirus, que en total afectou ata o momento 24.363 persoas e causou 490 mortes. Fóra da China as cifras mantéñense moi estables, con 191 casos, dos que 31 non tiñan antecedentes de viaxes a ese país, e un falecido en Filipinas.
"O número relativamente pequeno de casos fóra da China representa unha oportunidade para evitar que esta epidemia se estenda e cause unha crise global", dixo o máximo responsable da OMS.
Informou de que a organización destinou 9 millóns de dólares dos seus fondos de emerxencia para a compra de medio millón de máscaras, 350.000 pares de luvas, 40.000 aparellos respiratorios e 18.000 unidades de illamento para o seu envío a vinte e catro países. A maior preocupación da OMS e o que quere evitar é que o virus chegue a nacións con sistemas sanitarios deficientes e que terían dificultades para frear a súa propagación e brindar a atención adecuada aos afectados. Por iso, Tedros fixo unha petición internacional para obter 675 millóns de dólares que permitirían, por unha banda, financiar con 60 millóns a operación da OMS ante esta epidemia e, por outra, o resto destinaríase aos países que o necesitan.
"Parece moito diñeiro, pero é moito menos da factura que se terá que pagar se non aproveitamos a oportunidade" de deter o virus, asegurou.
Cancelación de eventos
Canda os efectos sanitarios, o virus está xerando importantes repercusións económicas en todo o mundo. Por exemplo no Mobile World Congress, que se celebrará en Barcelona entre o 24 e o 27 deste mes. Os hoteis xa está recibindo numerosas cancelacións. Algunhas importantes compañías, como a coreana LG, xa anunciaron que non asistirán, e os organizadores recomendan extremar as precaucións, como evitar dar a man a modo de saúdo.