CRTVG

Buscar

A OMS recomenda reducir o número de alumnos nas aulas para garantir o distanciamento

Publicado o 13/05/2020 15:58

En Galicia, se todo segue segundo o previsto, os colexios poderían reabrir de xeito limitado na fase 2 da desescalada. A OMS mesmo emitiu unhas recomendacións específicas para a volta ás aulas

Esas recomendacións da OMS contemplan, por exemplo, medidas de distanciamento entre os cativos, reducir o número de alumnos ou intensificar a hixiene de mans. Os profesionais apuntan a dificultade de levar adiante algunhas destas medidas especialmente entre os cativos de menor idade, por iso recomendan que esa volta sexa progresiva e priorizando as idades nas que sexa máis sinxelo levala adiante. 

O curso non arrancará ata setembro, pero a partir da fase 2 da desescalada os centros poderán abrir para clases de reforzo, e atendendo a conciliación para os nenos de educación infantil.

Deste xeito volveron algúns cativos ás escolas en Francia. Separados no patio en espazos delimitados e con clases case baleiras. En Portugal, as escolas infantís abren o vindeiro luns. Aquí, a partir da fase dúas, ábrense os centros para as clases de reforzo e os menores de seis anos. A OMS recomenda nesta volta ás aulas: control de temperatura, maiores distancias entre os cativos e menos alumnos por clase. Tamén un horario de lavado de mans, a ventilación constante das aulas ou evitar que os avós acudan aos centros.

Celia Domínguez Mondragón, psicóloga sanitaria e educativa: "É unha nova reeducación para unha nova realidade para o que ninguén dentro da sociedade está preparado, e os nenos menos, porque os nenos necesitan contacto. Como lle explicas a un neno que non pode tocar o compañeiro, que ten que dar os bicos coa punta do cóbado? E os colexios e os centros terán que centrarse fundamentalmente niso."

A situación faise especialmente complicada nas escolas infantís.

Natalia Pato Rodríguez, directora dunha escola infantil: "Hai momentos en que eles xogan e interactúan entre eles, e ti non podes coller un rapaz dun ano ou de dous e explicarlle: mira non, cariño, ti tes que quedar aquí, non te podes mover e estar quietiño aí, é que é imposible. Nós o que queremos é abrir, pero cunha garantía e unhas condicións que nos dean fiabilidade".

Dende a Asociación Española de Pediatría apuntan como posible solución facer esta volta ás aulas de xeito gradual, e priorizar as idades nas que sexa máis factible manter esas medidas de seguridade.

Noticias web

13/05/2020