CRTVG

Buscar

A OMS insta os gobernos europeos a aumentar o gasto sanitario público

Publicado o 23/04/2021 11:07
A OMS insta os gobernos europeos a aumentar o gasto sanitario público

A Organización Mundial da Saúde (OMS) publicou un informe en que insta os gobernos europeos a aumentar o gasto sanitario público unha vez finalice a pandemia do coronavirus. No prológo sinala que para evitaren os "erros do pasado" necesitarán investir máis fondos públicos en saúde, mesmo cando se enfrontan a un aumento da presión orzamentaria.

Segundo o documento elaborado pola Oficina para o Financiamento dos Sistemas de Saúde, é preciso abordar abordar o atraso creado pola interrupción dos servizos de saúde, mitigar os efectos negativos da atención non prestada e fortalecer a preparación de futuros 'shocks' sanitarios.

"Os gobernos tamén deben prestar atención á utilización dos recursos do sistema de saúde coa fin de evitar unha maior ampliación das desigualdades", engade o traballo, tras sinalar que o investimento sanitario medrou antes da crise financeira de 2008.

Porén, entre 2013 e 2018, os pagos creceron máis rápido que os gastos na maioría dos países de ingresos medianos e baixos da rexión, e en aproximadamente a metade dos países de ingresos medianos-altos e altos.

"A austeridade no sector da saúde (recortes orzamentarios e restricións de cobertura) minou o progreso nacional e rexional cara á cobertura universal de saúde. Isto levou os custos da atención médica aos fogares, aumentou os pagos, provocou necesidades insatisfeitas e dificultades financeiras, e exacerbou as desigualdades socioeconómicas dentro dos países e entre eles", advirte a OMS.

Sistema de saúde sólidos

Neste sentido, o informe lembra que a covid-19 evidenciou a importancia de contar con sistemas de saúde "sólidos", así como os beneficios a longo prazo de investir na saúde da poboación.

Con todo, puntualiza que tratar e previr o coronavirus e abordar o seu impacto nos servizos sanitarios requirirá un investimento continuo nos vindeiros anos.

"Os aumentos sostidos no gasto público en saúde, xunto cunha política pública ben deseñada, poden mitigar os efectos negativos do covid-19 e, ao mesmo tempo, desenvolver a resiliencia do sistema de saúde", salienta o informe.

Ademais, subliña que o gasto en Atención Primaria representa menos da metade de todo o gasto en saúde, a pesar de ser un xeito rendible de brindarlle atención médica ás comunidades.