CRTVG

Buscar

A OMS inclúe a dificultade para falar ou moverse como síntomas da COVID-19

Publicado o 20/05/2020 20:08

A Organización Mundial da Saúde (OMS) actualizou o seu documento de 'Preguntas e respostas sobre a enfermidade por coronavirus' para incluír a dificultade de falar ou moverse como novos síntomas relacionados coa COVID-19. Estes únense aos máis habituais que provoca o coronavirus como a febre, a tose seca, o cansazo, dificultade para respirar ou opresión no peito, así como conxestión nasal, dor de cabeza, conxuntivite, diarrea, perda de gusto ou o olfacto, erupcións cutáneas ou cambios de cor nos dedos das mans ou os pés.

Segundo lembra o organismo de Nacións Unidas, o 80 por cento das persoas que padecen COVID-19 recupéranse sen necesidade de acudir ao hospital, aínda que unha de cada cinco experimentan un cadro grave polo que teñen que ser ingresadas, especialmente aquelas que padecen hipertensión arterial, problemas cardíacos ou pulmonares, diabetes ou cancro

Con todo, a OMS lembra que "calquera persoa" pode contaxiarse do virus e caer "gravemente enferma", polo que destaca a necesidade de que todos aqueles que teñan febre ou tose e, ademais, respiren con dificultade, sintan dor ou opresión no peito ou teñan dificultades para falar ou moverse soliciten atención médica inmediatamente.

Se é posible, engade, recoméndase chamar primeiro o profesional sanitario ou centro médico para que estes remitan ao paciente ao establecemento sanitario adecuado. Así mesmo, lembra a importancia de acudir ao centro con máscara e, na medida do posible, manterse a un metro de distancia dos demais e non tocar as superficies coas mans. "

É importante manterse, polo menos, a un metro de distancia dos demais. As gotículas poden caer sobre os obxectos e superficies que rodean a persoa, como mesas ou pomos, de modo que outras persoas poden infectarse se tocan eses obxectos ou superficies e logo tocan os ollos, o nariz ou a boca. Por iso, é importante lavar as mans frecuentemente con auga e xabón ou cun desinfectante a base de alcol", destaca a OMS no documento..

Noticias web

20/05/2020