CRTVG

Buscar

A OMS eleva a moi alto o risco de expansión global do coronavirus

Publicado o 28/02/2020 18:12

• Sanidade mantén o nivel de contención malia o aumento de casos

• O Sergas activa o teléfono 902 400 116 para información xeral do coronavirus

A Organización Mundial da Saúde elevou hoxe o risco de expansión global do coronavirus de alto a moi alto tras detectarse o primeiro caso en África, a última rexión onde por agora non se deron casos.

O director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, anunciouno en conferencia de prensa, tras confirmar que fóra da China se detectaron ata o de agora 4.351 casos en 49 países, con primeiros  contagios en Nixeria, Dinamarca, Estonia, Lituania e os Países Baixos nas últimas 24 horas.

Ademais, Tedros informou de que se exportaron 24 casos do novo coronavirus de Italia a 14 países e que 97 casos se exportaron de Irán a 11 países, mentres que o reconto de novas infeccións de China alcanzou o nivel máis baixo en máis dun mes.

"O que vemos neste momento son epidemias vinculadas co novo coronavirus en varios países, pero a maioría dos casos aínda non se poden rastrexar a contactos coñecidos ou grupos de casos", dixo o director xeral da OMS.