CRTVG

Buscar

A OMS di que empezan a ser preocupantes os efectos a longo prazo en pacientes con covid-19

Publicado o 12/10/2020 19:20
A OMS di que empezan a ser preocupantes os efectos a longo prazo en pacientes con covid-19

A directora técnica da OMS para a covid-19, Maria Van Kerkhove, sinalou este luns que xa non só son preocupantes os casos graves e as mortes por covid-19 no mundo, senón tamén os efectos secundarios da enfermidade en pacientes que xa a superaron. "Non só nos inquietan os casos, as hospitalizacións ou as mortes, senón os impactos a longo prazo que empezamos a ver en individuos que mesmo pasaron a enfermidade con síntomas leves", sinalou Van Kerkhove en conferencia de prensa.

"Só agora empezamos a ver estes efectos en corazón, cerebro, pulmóns ou saúde mental", engadiu a experta para explicar por que segue sendo importante combater o aumento dos contaxios a pesar de que a mortalidade do coronavirus sexa agora relativamente baixa, de só un 0,6 por cento dos casos.

Europa ten actualmente tres veces máis contaxios diarios que nos meses de marzo e abril pero catro veces menos falecidos, o que segundo a experta estadounidense é resultado de que "se fan máis probas, rastréxase mellor e atópanse antes os casos menos graves".

Outra razón, explicou, é o feito de que o virus cambiase o patrón de idade das persoas ás que afecta, agora que os máis novos socializan máis, mentres se conseguiu previr brotes en instalacións tales como as residencias de anciáns, onde houbo unha alta mortalidade nos primeiros meses de pandemia.

Mentres os casos soben rapidamente en Europa parecen descender lentamente en América, aínda que o director de Emerxencias Sanitarias da OMS, Mike Ryan, subliñou na mesma rolda de prensa que "hai tendencia á baixa, pero os números seguen aínda moi altos no Brasil e outros países da rexión".

Engadiu que o descenso "non significa que as cifras poidan repuntar, como se viu noutras rexións, ás veces a un ritmo extremadamente rápido".

Os expertos da OMS foron preguntados tamén por un recente estudo de científicos australianos no que se mostra que o coronavirus causante da covid-19 pode resistir ata 28 días en billetes e outros obxectos.

"O que se extrae diso é que a hixiene de mans segue sendo esencial", comentou  Ryan respecto diso, lembrando que "a auga e o xabón son unha das intervencións sanitarias máis eficaces á hora de librarse de todo tipo de bacterias".

Ao preguntarlles sobre a actitude do presidente estadounidense, Donald Trump, quen a pesar de dar positivo por covid-19 se reincorporou rapidamente á campaña electoral, os expertos preferiron non comentar casos individuais, pero remitiron aos consellos que dan os servizos sanitarios nacionais.

A rede sanitaria dos Estados Unidos, lembraron, recomenda illarse do resto da xente nos 10 días posteriores a que os primeiros síntomas aparezan, e esperar a que pasen 24 horas sen febre antes de estar xunto a outros.