A OMS asegura que as vacinas aprobadas son eficaces contra todas as variantes

A oficina rexional da Organización Mundial da Saúde (OMS) para Europa garantiu este xoves que todas as vacinas da covid-19 aprobadas ata o momento son eficaces contra "todas as variantes" do virus.
Nunha conferencia de prensa sobre a evolución da pandemia, o seu director, Hans Henri Kluge, instou, con todo, a manter a "prudencia" porque se trata dunha "ameaza persistente" e con "novas incertezas". "As vacinas poden ser a luz ao final do túnel, pero non podemos cegarnos por esa luz", asegurou.
A OMS segue con atención a evolución das catro variantes máis salientables detectadas no continente. A dominante é a descuberta en primeiro lugar no Reino Unido, pero a cepa india xa está presente en 26 dos 53 países que compoñen a rexión europea.
Evitar viaxes internacionais non esenciais
Esta última mutación, por exemplo, propagouse "en moitos casos" polas viaxes internacionais, aínda que xa se detectou transmisión comunitaria. Por esta razón, Kluge asegurou que deben evitarse as viaxes internacionais non esenciais.
Ademais, amosouse escéptico ante a posibilidade dos "pasaportes de vacinación" (fronte ao certificado de vacinación que rexistra todas as persoas inmunizadas), malia recoñecer que o turismo é unha vía de ingresos vital para algunhas zonas.
Pola súa banda, a responsable de Emerxencias da OMS en Europa, Catherine Smallwood, advertiu de que estamos nun momento de "alta transmisión" (malia o descenso rexional da incidencia) e coa "ameaza" dunha nova variante preocupante. Ao seu entender, é preciso ser "extremadamente coidadosos" e reflexionar sobre calquera decisión de desescalada.
"Necesitaremos redobrar todos os esforzos", afirmou, e amosouse a favor de manter os requisitos para as viaxes, como os test e as corentenas en certas situacións.