CRTVG

Buscar

A OMS desaconsella o uso de remdesivir para pacientes con covid-19

Publicado o 20/11/2020 19:20
A OMS desaconsella o uso de remdesivir para pacientes con covid-19

A Organización Mundial da Saúde (OMS) desaconsellou hoxe o uso en pacientes hospitalizados con covid-19 do antiviral remdesivir, un dos principais tratamentos contra a enfermidade cos que se experimentou este ano, ao non acharse evidencias de que cause melloras nos enfermos. 

Un panel internacional de expertos da OMS concluíu que non hai probas de que o fármaco, producido pola farmacéutica estadounidense Gilead e que anteriormente se usou en enfermos de ébola, reduza a mortalidade nos casos máis graves de covid-19 ou diminúa a necesidade de ventilación. 

Os resultados, publicados no British Medical Journal da Asociación Médica Británica, obtivéronse tras analizar datos de catro ensaios con 7.000 pacientes hospitalizados con covid-19.  Aclararon que os resultados non indican que o remdesivir careza de certos efectos beneficiosos para os pacientes, pero desaconsellan o seu uso ante o alto custo e os posibles danos á saúde dun fármaco que debe fornecerse por vía intravenosa. 

Tamén matizaron que apoian que os ensaios clínicos con este fármaco, algúns deles apoiados no seu día pola OMS, continúen en grupos específicos de pacientes para continuar a provisión de evidencias sobre os seus efectos.  A OMS recomenda desde hai meses especialmente o uso de dexametasona, un corticoesteroide moi alcanzable no mercado internacional, para o tratamento de casos graves, xa que foi o que ofreceu mellores resultados ata a data.

Noticias web

20/11/2020