CRTVG

Buscar

A OMS desaconsella aplicar a segunda dose de AstraZeneca con outra vacina diferente

Publicado o 09/04/2021 15:38

Substituír a segunda dose de AstraZeneca por outra vacina diferente é unha das posibilidades que Sanidade estuda para os menores de 60 que xa recibiron a primeira inxección.

"O que teñen que estudar é que a eficacia final sexa a mesma. Se é así, non hai ningún problema en cambialas", di Elena Vanessa Martínez, presidenta da Sociedade Española de Epidemioloxía.

Polo momento hai varios estudos en marcha, pero ningún resultado concluínte. Por iso a OMS non recomenda poñer outras vacinas en lugar da segunda dose de AstraZeneca. Tampouco a Sociedade Ebspañola de Inmunoloxía, nin outros expertos como a inmunóloga África González: "Non hai ningún estudo mesturando vacinas. O lóxico sería que puideran recibir a segunda dose da mesma vacina de Astrazéneca", explica.

Outra das opcións que están sobre a mesa é quedar cunha única dose, que segundo o presidente da Asociación Española de vacinoloxía, Amós Rojas, ofrece unha protección do 70 por cento.

Os expertos galegos tamén lanzan unha mensaxe de tranquilidade, porque din, aínda hai tempo ata a segunda dose: "No caso de AstraZeneca o intervalo é de ata 12 semanas, e a maior intervalo, mellor funciona a vacina. Terá que ser Sanidade quen tome a decisión. Personalmente eu apostaría por aplicar a segunda dose coa mesma vacina de AstraZeneca", asegura Federico Martinón, asesor de vacinas da OMS e xefe de pediatría do CHUS. 

Será a Comisiión de Saúde Pública a que tome a decisión definitiva, en base á evidencia científica e ás conclusións da Axencia Europea de Medicamentos.

Noticias web

09/04/2021