CRTVG

Buscar

A OMS cualifica de "inaceptable" a lentitude do ritmo de vacinación en Europa

Publicado o 01/04/2021 10:51
A OMS cualifica de "inaceptable" a lentitude do ritmo de vacinación en Europa

A Organización Mundial da Saúde cualificou de "inaceptable" a lentitude do ritmo de vacinación contra a covid-19 en Europa, polo que incidiu na importancia de acelerar a inmunización da poboación debido ao aumento do número de casos.

Nun comunicado, a OMS lembrou que a semana pasada rexistrouse un incremento de positivos por coronavirus na maioría dos países europeos, con 1,6 millóns de novos casos e preto de 24.000 mortes. "Fai só cinco semanas, o número de novos casos en Europa baixara a menos dun millón á semana, pero agora a situación é máis preocupante do que vimos en varios meses", lamentou a directora rexional de Emerxencias da OMS para Europa, Dorit Nitzan.

Ademais, a OMS subliñou de que a variante británica do virus xa é a predominante en Europa,  polo que serán necesarias accións adicionais para controlala, xa que é máis transmisible. Así mesmo, alertou dos riscos asociados a un aumento da mobilidade e as reunións coa chegada da Semana Santa.

A organización asegurou que os contaxios aumentaron en todos os grupos de idade menos nos maiores de 80 anos, polo que o impacto da vacinación xa se está notando, debido a que en Europa as persoas maiores foron as primeiras que recibiron a inmunización. Por iso, calcúlase que se salvou a vida de máis de 6.000 persoas maiores de 70 anos desde que se comezou a vacinación, segundo datos de Public Health England.