CRTVG

Buscar

A OMS advirte: "Os países erraron ao non investir máis en tests e rastrexo de contactos"

Publicado o 19/08/2020 19:02

A Organización Mundial da Saúde (OMS) considerou hoxe que unha das razóns polas que non se puido deter a pandemia de coronavirus é debido a que os países non investiron o necesario en facer tests, en facilitar o illamento dos infectados, en rastrexar os seus contactos e en poñelos en corentena.

"Estamos a gastar miles de millóns de dólares en estímulos fiscais, poñendo grandes cantidades de diñeiro para mitigar o impacto deste virus, pero non investimos colectivamente no proceso de diagnosticar, rastrexar contactos e poñelos en corentena", dixo o director do Departamento de Emerxencias Sanitarias da OMS, Mike Ryan.

Repunta en Alemaña

Os Estados Unidos segue sendo o país con máis contaxios e máis falecidos, pero o virus esténdese con celeridade polo Brasil, A India e Rusia.

Europa xa superou os 210.000 mortos, e lonxe de estar controlada, a pandemia avanza. En Alemaña houbo unha repunta nas últimas 24 horas, con 1.500 casos novos, o 37 por cento procedentes de zonas de risco. No veciño Portugal choran a morte dun bebé de catro meses que se contaxiou por trasmisión familiar.

O Goberno británico anuncia que vai multiplicar por 10 o número de probas. Desde hai días, a cifra de contaxiados non baixa do milleiro, e as autoridades alertan do risco que supoñen festas coma esta que a policía gravou en Manchester.

Todas as esperanzas están postas en atopar unha vacina eficaz. As autoridades sanitarias din que algunhas poderían empezar a probarse en grupos de poboación a principios do ano que vén. A Organización Mundial da Saúde pide que non se nacionalicen, que todo o mundo poida ter acceso a elas. Tamén o papa Francisco pediu xustiza social.

Sería triste que na vacina se lle dese prioridade aos ricos, di o pontífice. Non pode ser, insiste, que a sexa dunha ou doutra nación.

Segundo a OMS, agora mesmo hai 167 vacinas para a covid-19 en desenvolvemento. O Brasil está sendo o gran campo de probas. O segundo país do mundo en infectados e falecidos é tamén un referente en ensaios clínicos. Xa está probando catro vacinas en humanos.

 

Noticias web

19/08/2020