CRTVG

Buscar

A Ofrenda ao Apóstolo, este ano na igrexa de San Martiño Pinario polas obras na Catedral

Publicado o 25/07/2019 14:57

Hoxe celebramos o noso Día. E un dos actos centrais de cada 25 de xullo é a Ofrenda ao Apóstolo, que este ano tivo que trasladarse á igrexa de San Martiño Pinario.

As obras na Catedral obrigaron a que por primeira vez en máis de catro séculos a Ofrenda tivera que trasladarse fóra do templo. O resto da celebración foi coma sempre: primeiro parada militar nesta praza, paso de revista do delegado rexio, que este ano exerceu o alcalde de Santiago, saúdo ás autoridades civís, encabezadas polo presidente da Xunta e o delegado do Goberno, e despois toda a comitiva camiñou cara a esa igrexa de San Martiño Pinario. Alí, Xosé Sánchez Bugallo pediulle ao Apóstolo que ilumine os representantes políticos para que antepoñan o ben común sobre os intereses particulares e partidistas.

Na súa cuarta Ofrenda como delegado rexio, Bugallo invocou ao Apóstolo por unha sociedade máis xusta que erradique a violencia machista, pediulle axuda na loita contra o cambio climático e que interceda para que o próximo ano santo sexa o mellor e o Camiño non esmoreza de éxito. Tamén apelou aos consensos nas institucións.

O arcebispo tamén fixo un chamamento ao diálogo entre os políticos, e, como Bugallo, tivo palabras de recordo para as vítimas de Angrois. Xulián Barrio animou a non caer no risco de ir cada un ao seu e do sálvese quen poida.

Despois da misa, coma todos os anos, a comitiva de autoridades trasladouse á sede do Concello no Pazo de Raxoi, para a tradicional recepción na honra do oferente.

 

Noticias web

25/07/2019