CRTVG

Buscar

A ocupación roza o completo nos cámpings da comarca da Arousa

Publicado o 24/08/2021 14:24

A ocupación roza os máximos nos parques de campismo da comarca da Arousa. Moitos establecementos tiveron que rexeitar reservas e colgar o cartel de non hai parcelas dispoñibles ata a primeira semana de setembro.

O mes de agosto está resultando especialmente bo debido aos días de sol que temos. O mes de xullo resultou complicado para os parques campistas polas malas condicións meteorolóxicas. Pero agosto comezou ben e seguíu mellor, cunha ocupación de entre o 85 e o 100, unha tendencia que se consolidou ao ir pasando os días. Nesta campaña estival está a experimentarse un cambio en canto ao perfil dos campistas, limitando moito a covid a presenza de clientes estranxeiros.

Dorca Hernández, xerente do cámping El Edén: "Maioritariamente españois, veñen do sur de Andalucía, tamén hai xente de Pontevedra, algún portugués e algún francés. Temos a capacidade completa, e a xente quere vir de campismo".

Yovana Millán, xerente do cámping Salinas: "Hai moitas chamadas de teléfono para poder vir, pero a capacidade é limitada e estando cheos non se pode coller máis. Os parques de campismo, ao ser ao aire libre, a covid afectounos menos porque a xente que ía a outros aloxamentos hostaleiros optou polo aire libre porque é máis seguro".

Os resultados demostran que o campismo gañou adeptos nestes tempos de pandemia el propiciou o nacemento de versións de turismo ao aire libre, máis glamurosas, coma o glamping, cunha capacidade reducida a quince tendas.

Pablo Rodríguez, xerente do Gampling Illa de Arousa: "Estamos detectando que case o 98 % é visitante nacional, non notamos afluencia de estranxeiros coma outros anos".

E cando falan da ocupación, teñen en conta as limitacións de capacidade que lles impuxo a pandemia, senón estarían a falar de moitos máis visitantes, que, malia todo, cóntanse por milleiros.

Noticias web

24/08/2021