CRTVG

Buscar

A OCU denuncia que o prezo da luz subiu un 32% en dez anos

Publicado o 20/03/2019 19:50

Segundo a OCU, unha familia media española paga hoxe 200 euros máis de luz que hai dez anos. A Organización de Consumidores denuncia que o prezo da electricidade se encareceu un 32 por cento na última década, tres veces máis que o IPC. E avanza que a partir de abril ha de seguir subindo unha media de dous euros ao mes.

Estes datos sitúan España como quinto país coa electricidade máis cara de Europa, e con menos recursos para afrontar a pobreza enerxética. Di a OCU que o 17 por cento dos fogares non poden pagar o recibo, e que só un terzo deles ten acceso ao bono social.

Ileana Izverniceanu, voceira da OCU: "Iso parécenos alarmante, e máis alarmante aínda que cando ese terzo quere pedilo todo sexan problemas. O que queremos é que de forma automática esas familias que están localizadas se lles aplique o bono social por parte da súa compañía sen ter que facer trámites e máis trámites".

Ante esta situación, a OCU lanzou unha campaña para darlle a volta ao mercado da enerxía e mellorar a posición do consumidor. Entre outras cousas, pide que se rebaixe o IVE da electricidade, que agora mesmo está no 21 por cento.

 

Noticias web

20/03/2019