CRTVG

Buscar

As obras do parador de Muxía, 17 anos despois, están executadas ao 95%

Publicado o 31/03/2019 18:56

Tras a catástrofe do Prestige, o goberno español prometera un parador para Muxía, a zona cero da catástrofe. En 2009, o arquitecto vigués Alfonso Penela gañou o concurso da Xunta para crealo. Dezasete anos despois, a obra está case executada baixo a dirección arquitectónica de Tourespaña. Paradores Nacionais decorará e explotará o hotel spa. 

Praia de Lourido e, ao fondo, o monte Lourido. O concello de Muxía cedeu ao estado español 12 hectáreas. Tourespaña, o instituto público de turismo que ten competencias sobre a toda a rede de Paradores Nacionais, contribuiu con 27 millóns de euros para a obra e construíu os 14.000 metros cadrados deste grande hotel que, só unha vez que estea totalmente rematado, decorará e explotará turisticamente Paradores.

O 95% da obra está executada e visitámola coa directora facultativa, a arquitecta de Tourespaña, Pilar González, e o seu equipo: "A idea orixinal parte dun concurso que convoca a Xunta e que gaña Penela, que fai un proxecto precioso, e moi integrado na contorna e é polo que resulta gañador do concurso. Desde o meu punto de vista, o potente da idea é como o edificio se integra na contorna e como o edificio mira a contorna. E esas dúas premisas, para min, era importante conservalas e mantelas".

Habitacións con cubertas axardinadas, un spa con vistas ao mar aberto non só aos clientes do hotel, salóns, restaurante, unha piscina, un ascensor en diagonal, un mirador á volta da montaña e os camiños e a luz da costa da morte.

Pilar González, arquitecta de Tourespaña "Aquí hai días de chuvia que é difícil traballar, de vento, pero ver o mar bravo tamén é unha delicia, aínda que para a obra non sexa algo sinxelo, pero eu creo que, no resultado final o cliente vai gozar das dúas cousas. Un día de mal tempo no spa será precioso ".

Tourespaña e Paradores Nacionais da man no fin do mundo.

Noticias web

31/03/2019