A nova reorganización da TDT para facer un oco ao 5G obrigará a resintonizar outra vez as canles de televisión
Escoiten con atención porque, para poderen seguir véndonos, probablemente terán que resintonizar o seu televisor ou mesmo facer axustes na antena. O motivo é que se van reorganizar as canles da TDT para lle facer sitio ao 5G. É o segundo dividendo dixital, un proceso que comeza hoxe e que chegará a Galicia nos meses vindeiros.
Lonxe queda aquel 2010, aquel apagón analóxico que dixitalizou a televisión. Pero aínda agora seguimos con cambios. Vai haber un baile de canles. Trátase de reordenar o espectro radioeléctrico coma quen ordena un estante."É coma se collésemos eses pequenos libros que son as canles da televisión dixital, os apiñásemos nun extremo e deixásemos un extremo libre para os novos libros gordos".
Libros gordos que son os agardados servizos da telefonía de quinta xeración. No 2015, no primeiro dividendo dixital, liberáronse canles para deixar espazo ao 4G. Agora, libéranse as canles da 49 á 60 para que teña espazo o 5G que dará cobertura ultrarrápida ao rural.
Esas canles da TDT pasarán a emitir da 48 para abaixo, e o espectador notarao.
"Nas vivendas unifamiliares simplemente haberá que sintonizar os televisores nos sitios onde afecte o cambio do dividendo".
Cambio que afectará toda Galicia, agás a provincia da Coruña, e que atinxirá, particularmente, as comunidades de veciños.
"Terán que facer algún axuste que en principio é a custo da comunidade, pero o Goberno ten subvencións para iso". "De 150 para arriba. Pero o mellor é que contacten co seu antenista".
A partir de setembro poderanse solicitar esas subvencións de entre 100 e 600 euros para adaptar a instalación colectiva.
E máis haberá que adaptarse cando, no ano 2023, todas as canles emitan só en HD.
"Os televisores que non teñan sintonizador de HD van deixar de recibir, e haberá a opción de cambiar de televisor ou de poñer un equipo externo para a recepción desas canles".
O proceso arranca agora por fases. Nos meses vindeiros os concellos irán avisando con tempo da chegada do cambio.