CRTVG

Buscar

A nova pirámide alimentaria recomenda máis legumes e produtos integrais e menos carnes vermellas

Publicado o 18/06/2019 14:52

A nova pirámide alimentaria introduce cambios importantes. Recomenda un maior consumo de legumes e produtos integrais e unha redución da inxesta de carnes vermellas. Son algúns dos consellos da Guía de alimentación saudable que presentou en Santiago a Sociedade Española de Nutrición Comunitaria. A publicación diríxese aos profesionais da saúde.

Os profesionais da saúde dispoñen desta nova Guía de alimentación saudable, unha ferramenta fundamental porque cada vez hai máis evidencia da axuda da nutrición na prevención de enfermidades e como complemento dos tratamentos farmacolóxicos. A guía mostra a nova pirámide alimentaria, que introduce cambios importantes.

"O máis importante é que soben as carnes vermellas e procesados. Déixanse abaixo o polo, o pavo e o coello e valorízanse os legumes. O segundo eixe fundamental é a recomendación de produtos integrais", di Javier Aranceta, coordinador da guía.

A guía tamén inclúe recomendacións para cociñar de xeito saudable e para conservar os alimentos e remomenda comer menos e, na medida do posible, produtos de calidade. 

"Se queres poñer filetes de tenreira a un euro, nunha bandexa de catro, é imposible que sexa da calidade requirida. Imos ir a frecuencias menores, máis saudables, e con maior calidade", explica Aranceta.

O coordinador da guía alerta duns datos negativos, un de cada catro galegos é obeso, preto da media española, e o 43% ten exceso de peso. Con todo, asegura que o país con maior esperanza de vida en 2040 será España, grazas á alimentación e á atención sanitaria.

Noticias web

18/06/2019