CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

A nova ministra de Sanidade prometerá o cargo mañá ante o Rei

Publicado o 12/09/2018 14:45


E a súa substituta, María Luisa Carcedo, tomará posesión do cargo mañá ante o Rei. A nova ministra de Sanidade ocupou durante tres meses o alto comisionado para a loita contra a pobreza infantil. É unha histórica socialista asturiana moi próxima ao presidente do Goberno.

María Luisa Carcedo di afrontar con "respecto e ilusión" un nomeamento que considera un desafío. A substituta de Carmen Montón á fronte do Ministerio de Sanidade xurará ou prometerá o cargo mañá ás nove ante o Rei. Coma fixera ante José Guirao tras substituír o tamén dimitido Màxim Huerta en Cultura, farao en solitario. O BOE publicaba hoxe o seu nomeamento para ocupar a carteira de Sanidade tras o cesamento de Montón.

Licenciada en Medicina e Cirurxía e diplomada en Medicina de Empresa, esta histórica socialista asturiana foi deputada na Xunta xeral do Principado, conselleira autonómica e senadora. Fiel a Pedro Sánchez, Carcedo participou na comisión negociadora que alcanzou un acordo con Ciudadanos. Tras chegar á Moncloa, o xefe do Executivo encomendoulle o alto comisionado para a loita contra a pobreza infantil, dependente de Presidencia, que agora María Luisa Carcedo deixa vacante para asumir a carteira de Sanidade.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí