CRTVG

Buscar

A nova Lei hipotecaria esixe un estudo máis profundo da situación financeira de cada cliente

Publicado o 14/06/2019 12:50

Este luns 17 de xuño entra en vigor a nova Lei hipotecaria. Os expertos coinciden en que provocará un endurecemento das condicións de acceso ao crédito e unha suba dos tipos de xuro.

A nova Lei hipotecaria esixe un estudo máis profundo da situación financeira de cada cliente. Terán que ter en conta a situación de emprego e os ingresos actuais, pero tamén os previsibles ao longo da vida e mesmo da xubilación. Isto vai provocar que as entidades bancarias endurezan as condicións para acceder a unha hipoteca. Os máis afectados, aqueles que non teñan ingresos fixos ou con menor cantidade de cartos aforrados. Precisamente os que máis necesitan ese financiamento.

María Cadaval, departamento de Economía Aplicada da USC: "Á xente máis nova ou á xente con contratos temporais que ten menos garantía que achegar á entidade financeira probablemente se lle vai endurecer o seu acceso a crédito".

Tamén se agarda unha suba dos tipos de xuro, sobre todo nos de tipo fixo. Isto débese a que a partir de agora os bancos teñen que asumir parte dos gastos hipotecarios. O usuario aforrará uns 2.500 euros que terá que pagar o banco. Tamén se reducen as comisións e amplíase o tempo para recuperar a débeda en caso de impago.

María Cadaval, departamento de Economía Aplicada da USC: "A reacción que se espera é que haxa tamén un incremento dos tipos de xuro, sobre todo nas que teñen tipo fixo, que foron as máis beneficiadas durante estes anos e que serán as que máis se encarezan".

Outra das novidades da lei afecta a sinatura da hipoteca. Para que o usuario non teña ningunha dúbida sobre o que asina, o banco estará obrigado a facilitarlle toda a documentación dez días antes da data fixada para a sinatura no notario.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/06/2019