CRTVG

Buscar

A nova lei contra a fraude fiscal limitará a 1.000 euros os pagos en efectivo

Publicado o 27/05/2021 20:59

Os movementos de diñeiro en efectivo estarán cada vez máis limitados. Dende 2012 o tope está en 2.500 euros, pero agora a nova lei contra a fraude fiscal quere rebaixalo.

"Agora, como norma, se un empresario intervén nunha operación o límite pasa de 2.500 a 1.000 euros. A sanción non é pequena porque é o 25 % do importe do pago", explica Francisco Hernández, economista e asesor fiscal.

A idea inicial era aplicalo só entre entre profesionais pero agora súmaselle unha emenda para que o límite de mil euros lles afecte tamén aos particulares en pagos a empresas.

Os comerciantes sinalan que a maioría dos pagos son xa con tarxeta, pero aínda queda quen paga en efectivo: "A xente de máis idade está acostumada a pagar en efectivo. Aínda veñen cos billetes ou pagan na casa cando entregamos os electrodomésticos e os ven funcionando".

Non se limitarán os pagos entre particulares, pero, aínda así, a norma non é ben acollida na rúa.

"Aos maiores iso dificúltalles moito, eu creo que debían de deixalo como estaba antes". "Non todo o mundo ten tarxeta". "Eu non a teño porque non a necesito e ademais teño o banco xusto diante da porta". "Que o deixen como estaba, non lle vexo moito sentido".

A lei, que continúa agora o seu trámite parlamentario, supón outro empurrón máis ao uso en auxe das tarxetas.

Noticias web

27/05/2021