CRTVG

Buscar

A nova executiva do PSOE celebra hoxe a súa primeira reunión

Publicado o 19/06/2017 08:39

Da xuntanza sairá o nome da nova voceira socialista no Congreso dos Deputados. Será a independente Margarita Robles. Na Executiva quedaron fóra todos os "susanistas"

Primeira reunión da Executiva Federal do PSOE de Pedro Sánchez. Da xuntanza sairá o nome da nova voceira socialista no Congreso dos Deputados. Será a independente Margarita Robles que votou non á investidura de Mariano Rajoy. Na Executiva quedaron fóra todos os susanistas, incluído Eduardo Madina e Antonio Hernando.

Pedro Sánchez rematou o congreso que o proclamou secretario xeral cunha reivindicación do 15-M e chamando as forzas, dixo, do cambio a desbancar o PP.

Un 70,5% de votos a favor da Comisión Executiva de Pedro Sánchez e unha porcentaxe semellante para o Comité Federal. Esa é a medida da actual forza de Sánchez no seo do PSOE. Despois da proclamación de resultados iniciaba o discurso de clausura cunha reivindicación da socialdemocracia e da esquerda. Dixo que o seu obxectivo central é acabar coa corrupción do PP e co seu goberno e que traballará sen descanso desde o primeiro momento para lograr unha "maioría alternativa".

O secretario xeral dos socialistas salientou que establece o reto de representar o 15-M e os movementos que dixeron que a política non os representaba. Nesa liña, explicou que o Congreso vai ser de contado o escenario desa vontade de cambio a través da "creación dun espazo de encontro" coas outras forzas políticas para frear as políticas do goberno.

Sánchez resumía na parte final do discurso os eixos programáticos do partido: "Fronte á explotación, eliximos bos empregos; fronte ás recortes, dignidade; fronte á confrontación territorial, federalismo; fronte á desigualdade da muller, feminismo; fronte ao expolio dos nosos recursos, ecoloxismo; fronte ao poder duns poucos, democracia; fronte á corrupción, decencia; fronte ao conformismo, rebeldía".

Sobre a cuestión territorial asegurou que concibe a España como "unha nación de nacións cunha única soberanía". Explicou que vai estar fronte aos independentistas cataláns e en contra do referendo, pero que traballará, desde o diálogo, polo "encaixe de Cataluña en España".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2017