CRTVG

Buscar

A dirección de Alu Ibérica imputa graves irregularidades aos donos anteriores

Publicado o 26/05/2020 20:37

O Grupo Riesgo denunciou que Alu Ibérica non pode presentar o imposto de sociedades pola falta de formulación das contas anuais. A nova dirección, que asumiu a xestión o mes pasado, pediralle responsabilidades ao Grupo Parter por unha débeda que cualifican como descontrolada. Di que mantiveron clientes a perdas durante moito anos e que incumpriron as promesas realizadas aos traballadores.

"Non chegamos a entender moito como eles mesmos se van investigar. Aquí o Grupo Riesgo é socio do grupo Parter", comenta Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alu Ibérica.

Pouco antes da saída do comunicado, o comité de empresa da fábrica coruñesa reuniuse co conselleiro de Industria. Francisco Conde acusou de desleal o Goberno central e instouno a buscar unha solución que faga viables as empresas electrointensivas. "Empresas como Alu Ibérica precisan dun prezo eléctrico competitivo. Nestes momentos temos un Goberno que non escoita, non dá solucións e segue abandonando as familias e os traballadores", denunciou o conselleiro de Industria, Francisco Conde.

O comité de empresa demandoulle de novo á Xunta a intervención da xestión da empresa e unha maior implicación. "Reprocharlle ao conselleiro a falta de apoio que notamos practicamente desde que se vendeu a empresa no mes de xullo. Tivemos só unha xuntanza o 6 de agosto, en que tamén estivo o presidente Feijóo, e a partir de aí a Xunta estivo desaparecida en todo isto", asegurou Corbacho.

Os representantes dos traballadores e a Xunta volverán solicitar a convocatoria da mesa de negociación do Ministerio de Industria.

Noticias web

26/05/2020