CRTVG

Buscar

A nova cepa de coronavirus do Reino Unido está fóra de control

Publicado o 20/12/2020 21:06

A cidadanía británica ten claro que as festas de Nadal están perdidas, pero a estas alturas esa é a noticia menos preocupante, despois de escoitar o ministro de Sanidade do país alertando sobre a nova cepa do coronavirus.

"A nova variante está fóra de control e temos que poñela baixo control", asegurou Matt Hancock, para pedirlle despois á cidadanía "esencialmente que todas as persoas se comporten coma se tivesen o virus."

Non hai evidencia de que a nova cepa sexa máis letal pero si, sen dúbida, de que se propaga máis rápido. Por iso, máis de 16 millóns de britanicos deben quedar na casa, despois do confinamento urxente e total imposto en Londres e no sueste do país.

"A nova cepa do virus é definitivamente preocupante", di esta cidadá británica, que cre que o Goberno tomou unha boa decisión pero critica a tardanza.

"Non me gusta, en realidade horrorízame o que ocorre, pero que lle imos facer?", confesa estoutra muller. A resignación será necesaria porque a previsión é que as novas restricións continúen ata que a vacinación sexa extensiva a toda a poboación.

Xusto despois de coñecerse o confinamento, as estacións de transporte rexistraban esta actividade frenética, xente amoreándose para abordar os trens que saían de Londres, unha conduta que o Goberno británico cualificou xa de totalmente irresponsable. As autoridades anunciaron que se despregará máis Policía de transporte para evitar viaxes innecesarias fóra da capital.


 

Noticias web

20/12/2020