CRTVG

Buscar

A nova cepa da covid-19 aumenta ata un 70 % a transmisibilidade do virus

Publicado o 21/12/2020 12:01
A nova cepa da covid-19 aumenta ata un 70 % a transmisibilidade do virus

A nova cepa do coronavirus detectada no Reino Unido ten un potencial estimado para aumentar a transmisibilidade do virus ata un 70 % respecto das variantes existentes. As análises preliminares realizadas ata agora revelan que podería aumentar a taxa de reprodución nun 0,4 ou máis, segundo alertou este luns o Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades (ECDC).

"Non hai ningunha indicación neste momento dunha maior gravidade infecciosa asociada coa nova variante", consta nun comunicado enviado por esta axencia con sede en Estocolmo.

O  ECDC sinalou que se están realizando estudos para determinar o risco de reinfeccións e sobre a eficacia nas vacinas da nova cepa, que tamén foi detectada en países como Islandia, Dinamarca e Holanda.

"Dado que non hai evidencia suficiente para revelar ata que punto a nova variante do virus se transmitiu fóra do Reino Unido son necesarios esforzos puntuais para previr e controlar a súa propagación", avisa o ECDC.

Desde este centro cren que unha posible explicación a esta nova variante podería estar na capacidade do virus para mutar nun só paciente cunha infección por SARS-CoV-2 prolongada no tempo. O virus tería a capacidade para acumular mutacións de escape sucesivas a un ritmo elevado.

O Goberno británico reforzou hai dous días as restricións de movemento da poboación en Londres e do sueste de Inglaterra polo alarmante aumento dos casos da covid-19, que os expertos relacionan cunha nova variante do coronavirus altamente contaxiosa.