CRTVG

Buscar

'A nova cara do alzhéimer', unha campaña para reivindicar a posta en marcha do Plan Nacional de Demencias

Publicado o 04/10/2019 15:23

O autobús do alzhéimer está hoxe en Santiago. Trátase dunha campaña das asociacións de familiares e enfermos para dar unha visión actual da doenza e para demandar a posta en marcha xa do Plan nacional de alzhéimer e outras demencias. 

Este autobús e outro idéntico percorrerán toda España nas próximas semanas para presentar unha visión actualizada do alzhéimer. Hoxe toca facer parada en Galicia, onde, segundo as organizacións de familiares e enfermos que promove esta campaña, hai polo menos cen mil persoas afectadas. A cifra duplícase se temos conta os familiares, sobre quen recae a maior parte dos coidados, moitas veces con realidades dramáticas.

"Persoas moi maiores de 80 ou 90 anos están coidando persoas de 70 ou 80 anos con Alzhéimer, ou mesmo persoas con Alzhéimer están coidando persoas con alzhéimer", di Juan Carlos Rodríguez, Presidente da Federación Alzéimer Galicia, FAGAL.

Utilizaron rostros infantis como imaxe da campaña para simbolizar que é unha realidade que coa que calquera se pode atopar antes ou despois. 

"Estamos observando que o 10% dos diagnósticos teñen menos de 65 anos e iso implica tamén un reto", recalca o presidente de FAGAL.   

Por iso, urxen a posta en marcha do Plan Nacional de Alzhéimer, pendente de aprobar e desenvolver desde hai meses, para abordar tanto a prevención como a atención sociosanitaria cos servizos e os apoios necesarios.

"É fundamental porque estamos falando da epidemia do século XXI. As familas son cada vez máis pequenas e a resposta ten que ser social e colectiva", conclúe Juan Carlos Rodríguez. 



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/10/2019