CRTVG

Buscar

A noite de San Xoán celebrouse con restricións que non apagaron a festa

Publicado o 24/06/2021 18:43

As praias máis significativas do San Xoán estiveron pechadas dende as nove da noite. En Panxón, no concello de Nigrán, e mais na coruñesa Riazor prohibiuse o paso para impedir que se saltase a restrición que imperou en Galicia. Non se podían facer nesta noite fogueiras en espazos públicos, só no ámbito privado, que se inundou de luminarias caseiras. Con todo, houbo unha excepción: Marín. Neste concello permitíronse cinco cacharelas comunitarias, nas que se controlaron as capacidades e non podía haber postos de comida nin bebida. Unha delas foi a de Cantodarea. Ardeu unha representación do faro da illa de Tambo, de trece metros, feito maiormente con madeira. Unha maneira de espantar os males deste mal ano, especialmente un no que todos pensan.

Na Coruña resistiron, e os barrios celebraron o San Xoán aínda sen luminarias. No seu lugar, centos de sardiñadas e churrasacadas. Fixéronse seiscentas solicitudes para poder facelas na rúa só na cidade e máis de dúas mil na área metropolitana. Á falta de praia, bos foron os bares. Pero ata a unha da madrugada, hora á que tiñan que pechar si ou si. Esta si foi unha noite curta para moitos.

Para cumprir coas medidas de prevención da covid−19 na cidade da Coruña planificouse un dispositivo de seguridade de arredor de cen persoas entre distintos corpos. Non foron os únicos; noutras urbes galegas, como Vigo, tamén se dispuxo unha vixilancia especial para evitar aglomeracións e fogueiras non permitidas. Pero, malia todas as restricións, con máscaras, sen cacharelas, con límites horarios, con capacidades restrinxidas nos espazos públicos e con distancia de seguridade, esta noite celebrouse o San Xoán en Galicia.

Noticias web

24/06/2021